Site icon Crónica3.com A Mariña

O Alcalde de Foz considera que as críticas do PSOE ás obras de mellora no pavillón polideportivo de Marzán son propias do entroido

Foz, 20 de febreiro de 2018. O alcalde de Foz, Javier Jorge Castiñeira, manifesta que as críticas do PSOE ás obras no pavillón polideportivo de Marzán son propias do Entroido, pois dubidar da decisión dunha mesa de contratación, na que había técnicos e incluso representantes do PSOE, non ten sentido. O rexedor asegura que os socialistas nunca estiveron a favor das melloras nesta instalación.
Javier Castiñeira resposta ás críticas do Partido Socialista con respecto á obra do pavillón, que “máis ben parecen que están dentro do ámbito entroidesco, son críticas propias do Touporroutou. A verdade é que non ten sentido pensar que unha mesa de contratación na que eles mesmos participaron, que estaba conformada polo secretario municipal, o interventor máis o arquitecto municipal, que estaba totalmente dirixida polo alcalde a verdade; é bastante vergonzoso, sobre todo cando eles estiveron presentes”.
O alcalde de Foz explica que “a obra foi adxudicada á oferta que mellores condicións técnicas e económicas reunía e todas xuntas dan a empresa que resulta beneficiaria do contrato”.
Javier Castiñeira lembra que “o Partido Socialista nunca creu nesta obra, nunca creu na reforma do pavillón, nunca creu en mellorar esas instalacións para os nosos veciños, especialmente para o club deportivo Celtas e ao resto de usuarios. As críticas de que existen goteiras son totalmente falsas. O único que se fai é que un remanente que quedou desa obra, por unha baixa económica importante que se fixo, tratar de usalo en mellorar as instalacións, como se fai no resto de obras que se contratan por parte da administración”.
O rexedor municipal engade que “neste caso inicialmente decidiuse facer unha reparación da cuberta, sen cambiala totalmente, pero despois na obra fíxose unha proba de estanqueidade e mostrou certas dúbidas; e agora o arquitecto suxire que con ese remanente pódese eliminar calquera tipo de dúbida e suplementar o tellado cunha nova chapa. Ademais diso proponse poñer unha lona divisoria, como solicitou a agrupación de ximnasia rítmica local, e tamén instalar unha lámina de seguridade para actos que se fagan encima do parqué”.
Castiñeira asegura que “esa é a circunstancia do pavillón e chámanos a atención que o Partido Socialista faga demagoxia con este tema cando nunca tivo interese en mellorar esa instalación. Eu creo que é no ámbito do Entroido e do Touporroutou, porque esas críticas teñen moi pouco sentido, especialmente as dúbidas sobre a contratación”.

Exit mobile version