Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG de Mondoñedo insta ao goberno municipal a que exerza as competencias que lle corresponden en materia de prevención de incendios

Mondoñedo, 15 de febreiro do 2018. O Grupo Municipal do BNG presentou unha moción para que o goberno municipal poña en marcha, tendo en conta a Lei de Montes e a lei de prevención de incendios da Xunta de Galicia, unha campaña de información dirixida aos particulares responsables da xestión das franxas perimetrais de biomasa nos terreos forestais e zonas de influencia forestal e para que explique que medidas vai tomar o concello en caso de que non se cumpran.

O portavoz do grupo municipal do BNG, Eloi Cabanas, apunta que o goberno de Elena Candia anunciou en varias ocasións que ía facer unha campaña de sensibilización para concienciar á veciñanza da importancia de cumprir a Lei de Montes no eido da prevención de incendios.
Segundo o voceiro nacionalista, o goberno popular só publicou en outubro do ano pasado unha carta na que se informaba das normativas de obrigado cumprimento en materia de prevención de incendios forestais e na que a súa vez se avisaba da posibilidade de proceder á execución subsidiaria dos traballos de limpeza, incoar procedementos sancionadores ou aplicación de multas coercitivas en caso de incumprimento da Lei.
“Entendemos que hai un gran descoñecemento por parte dos veciños e veciñas do concello das distancias que se teñen que manter despexadas de mato ou arborado respecto a casas illadas ou núcleos de poboación”.
Tendo en conta que a Lei de prevención de incendios establece que estes traballos de limpeza deben estar rematados antes do 30 de xullo de cada ano e que o concello ten a competencia de ordenar a execución das obras necesarias de xestión de biomasa nos terreos afectados, o grupo municipal do BNG quere que se informe especialmente nas parroquias das distancias regulamentarias que se deben cumprir e que o concello explique con claridade cal vai ser o procedemento a seguir en caso de incumprimento da normativa.

-Petición de colaboración á Xunta de Galicia-
Para axilizar de maneira máis efectiva as intervencións preventivas sobre os terreos afectados o BNG tamén insta ao concello a que lle requira á Xunta de Galicia colaboración en todas aquelas medidas que a administración local, ben por falta de persoal ou por dificultades administrativas, técnicas ou económicas, non poda levar a cabo a curto prazo.

Exit mobile version