O BNG xa propuxo en 2015 no pleno de Mondoñedo, prolongar o terceiro carril, e foi aprobado unánimente, pero ata o de agora, Fomento nada fixo
Eloi Cabanas, portavoz do BNG en Mondoñedo explicou que esta xa fora unha proposta do grupo municipal nacionalista no pleno mindoniense do 30 de outubro de 2015 e que fora aprobada unánimemente. Esta proposta preséntase como alternativa aos continuos peches da A-8 no Fiouco, a raíz dos cales moitos transportistas decidiron desistir de utilizar a autovía pola perigosidade do Fiouco e tamén polo menor consumo de combustible que supón o traxecto de 18km pola N-634, que ainda que son 2 mais ca o traxecto por autovía, o tempo é prácticamente o mesmo e o aforro económico, moi considerable.
“Cando venen de cumprirse catro anos da apertura do Fiouco, seguimos escoitando aos representantes de Fomento falar de concursos de ideas para solucionar o problema da néboa pero o tempo vai pasando e solucións prácticas ainda non vimos ningunha, e solo sabemos que eses concursos de ideas costannos 6 millóns de euros. A proposta que fixemos no seu día e que ratificamos hoxe, tería un custo moito menor” manifestou o portavoz do BNG en Mondoñedo.
A falta de compromiso coa Mariña dos diferentes gobernos do Estado, leváronnos a esta situación
No acto intervíu tamén a responsable comarcal Ana Ermida que fixo fincapé nas múltiples iniciativas que o BNG tén dirixido a Fomento desde o Congreso dos Deputados para axilizar os trámites para o inicio da autovía Barreiros – San Cibrao e para a total rexeneración das estradas N-642 e N-634. Según a portavoz nacionalista, “o estado de abandono no que se atopan as principais vías de comunicación da Mariña, e o esquecemento da autovía Barreiros – San Cibrao, reflicten a marxinación á que os sucesivos gobernos do Estado someteron e someten a esta comarca”, e engadíu tamén: “A paralización do corredor San Cibrao – Ferrol por parte da Xunta prorrogando prazos ano tras ano e con só 15km executados dos 90 previstos dan boa fé tamén do pouco que ao PP lle importa esta comarca, á que lle desmantelan a sanidade pública e a aillan e marxinan en materia de vías de comunicación”.
O BNG levará tamén esta problemática ao pleno da Deputación para trasladarllo a Fomento
Todas estas demandas serán trasladadas tamén en forma de moción ao pleno da Deputación de Lugo que se celebrará o próximo martes, co obxecto de dirixirllas tamén desde alí ao Ministerio de Fomento. Neste sentido, o deputado provincial do BNG Antonio Veiga afirmou que “a Deputación debe facerse eco tamén situación das vías de comunicación na Mariña, e reclamar unha solución urxente para as mesmas, pois esta comarca, que porcentualmente supón perto dunha terceira parte do PIB da provincia de Lugo non se merece esta inxustiza e esta discriminación”.
Na moción presentada na Deputación, instase ao pleno provincial a adoptar os seguintes acordos para trasladar ao Ministerio de Fomento: axilizar a licitación, adxudicación e execución da obra de rehabilitación estrutural do firme da N-642 e mentras tanto proceder ao mantemento da mesma nas debidas condicións de seguridade; desbloquear a paralización da autovía Barreiros-San Cibrao dotándoa da correspondente consignación orzamentaria no exercicio 2018, e por último, prolongar o terceiro carril de subida pola N-634, dende o p.k. 596 ata o enlace coa A-8, no Alto da Xesta.