Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Cervo acollerá a IX Ruta de enduro medela MTB, o domingo 11 de marzo

270218 Presentación Ruta MedelaCervo, 27 de febreiro de 2018.- A IX Ruta de Enduro Medela terá lugar o domingo 11 de marzo.
A cita deportiva foi presentada polo alcalde de Cervo, Alfonso Villares, o edil delegado de Deportes, José Ramón Soto, ademais de varios membros do Club Medela; o Presidente, David Riera, Abel Ordás, Víctor Riera e Diego Ballesteros, que sinalaron que “a saída está prevista para as 9:30 horas desde a praza do Campos, en San Cibrao, e os participantes realizarán primeiramente un percorrido non competitivo por varias zonas do municipio, concretamente por Lieiro, Galdín e Gondrás”.
A continuación, os corredores porán rumbo ao Monte Medela. Riera sinalou que “levamos moitos meses traballando intensamente na posta a punto dos camiños, en colaboración tamén co Concello de Cervo, e preparando tramos especiais de enduro, para o día da competición”.
A proba, de dificultade media-alta, será de 35 quilómetros, e 1.400 metros de desnivel acumulado.
Villare quixo destacar o gran labor dos organizadores “que ano tras ano, grazas ao seu traballo, conseguen superarse e atraer cada vez a máis participantes a esta competición, convertindo a ruta nun escenario excepcional para a práctica desta disciplina, pero tamén para dar a coñecer a riqueza paisaxística do noso municipio”.
Engadiu, así mesmo que, “dende o Concello brindamos todo o noso apoio e colaboración a este tipo de eventos, que promoven o deporte e, ao mesmo tempo, permiten aos participantes gozar dos atractivos naturais de Cervo”.
Neste senso, é unha ruta que cada vez está a coller máis sona, boa proba diso é que o ano pasado participaron 215 corredores, unha cifra que os organizadores agardan igualar ou mesmo superar, nesta nova edición.
Ao remate da proba haberá unha comida para tódolos participantes.
Os dorsais pódense recoller o sábado, 10 de marzo, na Terraza O Noso Lar, en horario de 19:00 a 21:00 horas; e o mesmo día da proba, entre as 8:00 e as 9:15 horas. Os interesados poden inscribirse a través da web www.galitiming.com e recoller información na páxina de facebook Club Medela Mtb.

Exit mobile version