Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Cervo xa puxo en funcionamento a nova aula da escola infantil municipal que conta con 15 prazas máis

190218 Nova aula Escola infantilCervo, 19 de febreiro de 2018.- O Concello de Cervo xa puxo en funcionamento a nova aula habilitada na Escola Infantil Municipal ubicada na Casa do Mar, en San Cibrao.

O rexedor, Alfonso Villares, e a edil de Educación, Dolores García Caramés, supervisaron os traballos e reuníronse tanto cos pais como cos educadores, unha vez que os inspectores da Consellería de Política Social da Xunta de Galicia, deron o visto bo e avalaron o inicio da actividade nesta nova clase.

Villares recordou que os traballos consistiron na construción dunha nova aula, con baño infantil integrado, de 30 m2, emprazada onde estaban os aseos; “coa que logramos incrementar a capacidade do centro en 15 prazas, pasando das 39 que ten na actualidade, a 54”.

A obra de ampliación contou cun orzamento de 33.493 euros, todos eles procedentes de fondos municipais; e para facer esta actuación “reestruturamos toda a planta baixa da Casa do Mar, na que construímos dous novos aseos, un deles adaptado; para os que destinamos 13.475 euros”.

Villares apuntou que axilizamos o máximo posible as xestións e os traballos de ampliación da Escola Infantil, tentando que a actividade diaria do centro se vise alterada o mínimo; e agora, con esta nova aula, conseguimos dar resposta ás necesidades e demandas das familias, contribuíndo así a facilitar a conciliación”.

Pola súa banda, Caramés apuntou que é a segunda vez que incrementamos o número de prazas, e recordou que “case as dobramos no 2015, cando cambiamos de ubicación a Escola, da Zona do Porto de Arriba á Casa do Mar, pasando de 20, ás 38 prazas que hai na actualidade; e agora imos dar ese paso máis co fin de tentar cubrir ao 100% as demandas das familias e que teñan a posibilidade de facer uso das instalacións en función das súas necesidades”.

Exit mobile version