Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Foz modificará o tráfico no centro da vila e habilita tres novas zonas de aparcamento para o desfile de entroido deste sábado

Foz, 7 de febreiro de 2018. O Concello de Foz levará a cabo modificacións no tráfico rodado con motivo do desfile de Entroido que se celebrará este sábado, 10 de febreiro. O responsable da Policía Local, Jesús Amor Prieto, salienta que haberá tres novas zonas de aparcamento para vehículos.
Jesús Amor destacou que “imos ter unha serie de estacionamentos que o ano pasado non tíñamos. Un deles é onde estaba antigamente o bar Pema, pola parte de atrás ou ben na baixada do peirao de Foz; aí vai haber 168 prazas. Poderase entrar por aí e saír por onde está a piscina municipal. Vaille quedar á xente o coche estacionado polo lado onde sube o desfile de Entroido”.
O xefe da Policía Local de Foz engade que “outra das zonas de estacionamento que o ano pasado non estaba é na zona dos Limoeiros, tamén moi preto dun dos lugares onde pasa o desfile. Aí teremos unhas 64 prazas. Ademais Mercadona vainos deixar aberto o seu parking, que tamén está moi preto da zona do desfile”.
Jesús Amor Prieto subliña que “van estar a maioría de rúas nun só sentido de circulación. Para iso vai estar traballando o cen por cen da plantilla da Policía Local de Foz máis tres gardas civís do cuartel. Imos ser once compoñentes. Entón que os visitantes non se preocupen, que sigan a sinalización e como a maioría do centro vai estar nun so sentido non ten porque haber ningún problema de embotellamento”.
O xefe da Policía Local salienta tamén que “imos colocar unha serie de camións nos accesos. Eu sei que soa un pouquiño forte, pero a lei obríganos cando organizamos eventos onde haxa concentracións de poboación grandes a que se instalen elementos fixos. Imos colocar unha serie de camións que van estar lixeiramente atravesados na estrada, a fin de evitar que veña xente con outro camión ou cun vehículo a gran velocidade. Vaise facer un pouquiño angosto en determinadas zonas, pero é por motivos de seguridade despois dos atentados yihadistas que houbo noutros lugares. Preto da zona da entrada ao porto vai estar un dos camións atravesados na vía pública porque a xente vai estar de costas ao viario e sería un perigo. E no acceso desde Burela na entrada de Foz, na baixada, antes de chegar á glorieta, imos ter outro dos camións atravesados, deixando un paso de 2,20 metros de ancho aproximadamente; ademais haberá que facer unha especie de S para canalizar o tráfico. Queremos dicilo sobre todo para que a xente non pense outras cousas, senón que o facemos porque nos obriga a lei”.

Exit mobile version