Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Mondoñedo está a realizar unha “destacable” aposta pola mellora na prestación do SAF, onde practicamente duplicou o número de usuarios aos que se lle está a dar atención

Mondoñedo, 16 de febreiro de 2018.- O Goberno local de Mondoñedo está a promover durante este mandato un “forte” compromiso na área social e, especialmente, realizou unha “destacable” aposta pola mellora na prestación do Servizo de Axuda no Fogar, onde practicamente duplicou o número de usuarios aos que se lle está a dar atención, pasando dos 52 en maio de 2015, aos 103, contabilizados en decembro de 2017. Deste xeito, suprimiuse a lista de agarda no SAF, incrementándose en 51 as persoas ás que se lle dá atención, mentres que as horas de atención mensuais pasaron das 985 en maio de 2015 ás 1933 en decembro de 2017.

Os maiores, unha prioridade
Elena Candia resaltou que a xente maior “é unha das nosas principais prioridades e, que os nosos maiores estean o maior tempo posible nas súas casas e cunha boa calidade de vida e o obxecto que perseguen as auxiliares de Axuda no Fogar do Concello mindonienses, que os coidan”. O departamento de servizos sociais conta na actualidade cun total de 18 traballadoras que atenden aos máis de cen usuarios que ten o SAF, incrementándose en seis o número de auxiliares dende o ano 2015.
En canto ao gasto realizado no Servizo de Axudar no Fogar, a rexedora da cidade tamén deu datos que demostran que o Executivo local está a blindar este servizo. Así, no ano 2017, o gasto realizado no persoal directo do Servizo de Axuda no Fogar ascende a contía de 324.971,66 euros.
Elena Candia destaca que o esforzo que se está a ofrecer no Servizo de Axuda do Fogar permite que “os nosos maiores conten coa mellor calidade de vida posible nas súas casas, que é onde prefiren estar, ademais de que se crearon novos postos de traballo, un dato e unha necesidade moi importante para a nosa cidade”.

Agradecemento á Xunta de Galicia
Elena Candia, quen mantivo hoxe unha reunión co Conselleiro de Política Social, tamén quixo agradecer a colaboración e o compromiso da Xunta de Galicia co Concello de Mondoñedo “e coas necesidades dos nosos maiores”, que se amosa en cifras como a que evidencia que desde a creación da Consellería de Política Social en 2015 e ata a data de hoxe o número de horas de SAF á disposición do concello aumentou nun 51,93%, o que equivale a 20.820 horas anuais de servizo.

Exit mobile version