Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Viveiro celebra o día de Rosalía de Castro

Viveiro 21-2-18. Rosalía de Castro, figura emblemática do Rexurdimento Galego, naceu o 24 de febreiro de 1837; conmemorando esta data, cada 24 de febreiro, celébrase o Día de Rosalía de Castro e o Concello de Viveiro, a través da Concellería de Cultura, súmase a este efeméride organizando diversas iniciativas co obxectivo de recoñecer e promover a vida e obra desta escritora universal.

Todos os socios que se acheguen a biblioteca municipal os días 22 e 23 de febreiro para coller un libro prestado terán a oportunidade de cubrir unha ficha e entrar nun sorteo dun lote de libros en lingua galega. O lote de libros que se vai entregar será destinado ao público infantil ou adulto en función da idade do seu gañador. O nome do agraciado será publicado no facebook da Programación Cultural do Concello de Viveiro, onde se poderá ver un video do sorteo. Ademais, todas aquelas persoas que se acheguen a biblioteca o 23 de febreiro serán agasalladas cun marcapáxinas conmemorativo.

Finalmente, vaise decorar unha das paredes da biblioteca coa silueta de Rosalía de Castro e un pequeno fragmento da súa obra; este vinilo poderá verse a partir do venres 23 de febreiro e servirá para lembrar, de forma permanente, á escritora máis representativa da nosa lingua.

Exit mobile version