Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello mellora a seguridade e a accesibilidade na zona do CEIP de Cervo coa construción de beirarrúas

230218 beirarrúas CervoCervo, 23 de febreiro de 2018.- O Concello de Cervo traballa estes días na construción de beirarrúas na zona do Ceip de Cervo. En concreto trátase dun tramo duns 200 metros entre a rúa que dá acceso ao Centro de Saúde e a Praza Federico Mon.
O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, e o edil de Obras, Plácido Pérez, estiveron supervisando os traballos para os que o Concello destina preto de 15.000 euros, todos eles procedentes de fondos municipais.
Tal e como apuntou Villares “esta é a segunda fase dun proxecto que comezamos vai anos coa adecuación de toda esta zona; unha actuación coa que conseguimos converter a contorna nun lugar atractivo para o establecemento de familias e a construción de novas vivendas; e na que pouco a pouco imos reforzando os servizos e as infraestruturas, como estamos a facer na actualidade coa execución das beirarrúas”.
O rexedor engadiu que “se trata dunha actuación que consideramos moi importante porque con ela os peóns van gañar en seguridade e accesibilidade, tendo en conta ademais, que é unha zona moi transitada ao estar alí o colexio, tanto polos pais, que moitas veces acoden en coche, como polos alumnos”.
A obra está a ser executada con previsión de futuro, de tal xeito que xa quedan listas as canalizacións para poder soterrar no futuro o cableado do alumeado público que se instale na zona; e tamén van quedar establecidos os cimentos para futuras luminarias.

Exit mobile version