Santos Ramos explicou que “durante o 2017, dende o Goberno da Deputación investimos máis de 30 millóns de euros para realizar actuacións en obra pública das que, preto de 20 millóns, tal e como indica o informe, están xa licitados; triplicándose en relación á anualidade anterior. Pero ademais, tamén é preciso lembrar que, dentro dos 30 millóns en investimentos aprobados pola Deputación en 2017, se inclúen os 13 millóns correspondentes do Plan Único que a pesar de que son obras que contratan os municipios, é a Deputación a que achega aos fondo. Isto implica que se superan de xeito considerable os 19,4 millóns licitados pola Deputación aos que se refire o informe”.
O voceiro destacou que o descenso provén da redución das aportacións que fan outras administracións públicas como a Xunta de Galicia que, a pesares de ter un orzamento 100 veces superior ao da Deputación, licitou 21,3 millóns de euros, case un 10 % menos que en 2016; ou do propio Goberno Central que achegou 6.9 millóns, 124 menos que o ano anterior.
“Tendo en conta isto, podemos afirmar que o Goberno converte a Deputación na administración que máis inviste en obra pública na provincia, tanto de xeito directo, como a través dos propios Concellos. Somos, polo tanto, a institución sobre a que descansa un dos piares fundamentais da economía da provincia, como é o da construción, e que está a sobrevivir grazas aos investimentos que levamos a cabo dende o Goberno da Deputación. Facémolo porque ademais de ofrecer máis servizos aos veciños, xeramos emprego e dinamizamos a economía deste sector fundamental para o desenvolvemento económico e social da provincia”.
1,5 millóns de euros máis
Santos Ramos fixo estas declaracións logo da celebración da Xunta de Goberno este venres na que se aprobaron novos investimentos por valor de 1,5 millóns de euros para mellorar preto de 20 quilómetros de 8 estradas provinciais en 5 Concellos.
Estes son: Navia de Suarna: acondicionamento de 3,6 quilómetros da LU-P-1901, de Fonsagrada a Navia. En Carballedo: acondicionamento de 6,3 quilómetros da LU-P-1003, de Cartelos ao límite provincial con Ourense, e da LU-P-1008, da Tolda, Agrexan e Agrosantiño. Negueira de Muñiz: acondicionamento de 1 quilómetro da estrada LU-P-3602, que vai da LU-P-3601, por Ouviaño a Ponte Boadil. O Páramo: acondicionamento de 2,2 quilómetros da LU-P-4203, de Pacios dende a LU-633, a Trebolle. Vilalba: acondicionamento de 6,6 quilómetros da LU-P-6502, de Vilalba pola Balsa a Chavín; da LU-P-6506: de Ponte de Saa, por Ladra, a Parrocha, e da LU-P-6508, de Vilate a Ribado.
Estes son obras que se engaden ás aprobadas polo Goberno da Deputación nas últimas Xuntas de Goberno por valor de case 9 millóns de euros que permitirán, entre outros, acondicionar 165 quilómetros de 63 estradas que discorren por 35 concellos da provincia.
Musiqueando 2018
Na sesión, aprobáronse as bases e o modelo de solicitude de Musiqueando pola provincia de Lugo da Deputación. Trátase da programación dotada con 160.000 euros, coa que o Goberno da Deputación promociona a música popular na provincia, así como a creación de corais, bandas ou grupos tradicionais. Contempla axudas de entre 400 e 2.000 euros e que se rexen por concorrencia pública pero non competitiva. Están dirixidas a Concellos, asociacións ou comisións de festas, para a contratación de Bandas de música, grupos corais e grupos de música tradicional da provincia.
Co Musiqueando, o Goberno da Deputación asumirá o 80% dos custo de cada actuación. O 20% restante, será achegado polos Concellos, asociacións ou comisións, que soliciten ditas actuacións. Logo da aprobación das bases, o vindeiro mércores publicarase no BOP quedando aberto o prazo para se inscribir. Os músicos, bandas e corais poderán facelo ata o 2 de marzo e os Concellos, comisións e entidades solicitantes ata o 15.