Site icon Crónica3.com A Mariña

O Goberno da Deputación aproba 1,2 millóns para a construción dun centro de maiores na Pontenova

DSC_0012Lugo, 2 de febreiro de 2018. O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, informou sobre a aprobación na Xunta de Goberno deste venres dun investimento de 1,2 millóns de euros para a construción dunha residencia e centro de día na Pontenova.

Campos Conde explicou que na sesión de hoxe aprobouse, ademais deste investimento por parte da Deputación, o convenio de colaboración co Concello da Pontenova. Este supón que o municipio colabore no financiamento das obras desta dotación social con 200.000 euros e con outros 120.000 euros para a compra dos terreos. Nos vindeiros días, vaise a iniciar o proceso de adquisición deste espazo, duns 1.500 metros cadrados, así como co deseño do proxecto coa previsión de ofertar 30 prazas de residencia e 20 no centro de día, e de arrancar coas obras este ano.

O Presidente tamén informou sobre a aprobación doutros investimento de 900.000 euros para o arranxo de 10 estradas e accesos, concretamente de 20 quilómetros das mesmas, que discorren por 5 Concellos. Os proxectos acordados, cuxos procesos de contratación pública se poñen en marcha, son os seguintes:

– En Lugo: acondicionamento do firme de 7,6 quilómetros de 4 estradas: LU-P-2902, de Lugo a Ponte de Ombreiro, pola LU-234; LU-P-2907, do Campo da Barra a Coeses; LU-P-2913, de Coeses a Terlama”; e LU-P-2920, de Albares (LU-P-2904) a Nadela.

– En Alfoz: acondicionamento do firme de 5 quilómetros de 2 estradas: LU-P-0204, de Carrocide a Arnela; e LU-P-0211, de Adelán a Figueiras.

– Láncara: acondicionamento do firme de 3,3 quilómetros de 2 estradas: LU-P-2704, de Veiga de Anzuelos a Trasliste e Bande; e LU-P-5706, de Morelle a Seteventos e Monseiro.

– Antas de Ulla: acondicionamento do firme de 3,3 quilómetros de 2 estradas: LU-P-0302, de Antas de Ulla (N-640) por Santa Mariña ao Límite provincia de Pontevedra; e a LU-P-0306, de Santa Mariña (LU-P-0302) a Fradegas.

– Trabada: acondicionamento do firme de accesos e mellora de vías municipais na Órrea e na Cadeira.

Exit mobile version