Site icon Crónica3.com A Mariña

O Goberno da Deputación exalta os produtos do mar no XIX Salón Internacional de Turismo Gastronómico

IMG_6179Lugo, 02 de xaneiro de 2018. O Deputado de Turismo, Eduardo Vidal Baamonde, participou este venres no Día do Mar, incluído na programación do XXI Salón Internacional de Turismo Gastronómico, Xantar 2018, que se está a celebrar en Expourense ata o vindeiro domingo. O Goberno da Deputación conta cun espazo propio nesta Feira a través do que promover a provincia de Lugo e os seus produtos autóctonos mediante degustacións e material divulgativo, con folletos dos Concellos lucenses, así como das Denominacións de Orixe e tamén das Reservas da Biosfera.

Eduardo Vidal subliñou que “o turismo gastronómico é un piar fundamental no desenvolvemento deste sector na provincia lucense, pois contamos con produtos de primeira calidade que, sen dúbida, xustifican o lema… E para comer Lugo. Por iso, dende o Goberno Provincial achegamos ao longo do ano máis de 100.000 euros para facer posible a celebración de 28 citas gastronómicas ao longo do noso territorio. Facémolo, ademais, dentro da nosa aposta por potenciar cada un dos recursos dos nosos Concellos como un valor diferencial que nos converten nunha provincia única, que cambia de recuncho a recuncho”.

O Deputado de Turismo engadiu que “visitando a provincia pódese gozar, na zona norte, ademais das fermosas e extensas praias, bañadas polo mar Cantábrico, de produtos pesqueiros de altísima calidade, demandados polo mercado nacional e internacional. Entre eles atópanse a merluza do pincho ou o bonito, dous dos produtos do mar que contan con maior prestixio gastronómico en Galicia. Como sabedes, a pesca é un dos sectores punteiros da nosa economía, non en vano, contamos con dous dos principais puntos de descarga de pesca fresca de Europa: o porto de Celeiro, en Viveiro, e o porto de Burela”.

Vidal Baamonde apuntou que “os produtos do mar son capaces de xerar unha enorme riqueza, cun volume de negocio de máis de 125 millóns de euros só para a provincia de Lugo, e de dar emprego a miles de familias lucenses. Motivo polo que en conxunto coa Mancomunidade da Mariña, Asociacións de Hostaleiros, entidades, e profesionais estamos a impulsar os produtos autóctonos e, como non pode ser doutro xeito, os produtos do mar cos que contamos e que son de primeira calidade”.

Exit mobile version