Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP lamenta que PSOE e BNG abandonen aos concellos rexeitando que a Deputación de Lugo asuma a parte económica que teñen que poñer para o funcionamento dos xeodestinos

Lugo, 27 de febreiro de 2018.- O Grupo Provincial do PP lamenta a negativa do PSOE e do BNG para que a Deputación asuma a parte económica que teñen que poñer os concellos para o funcionamento dos xeodestinos; o de Lugo-Terra Chá-Sarria, o de Ancares-O Courel e os da Mariña e Ribeira Sacra. O deputado Carlos Armesto defendeu que “os xeodestinos son unha boa forma para dar a coñecer a provincia e estou convencido de que ao final acabarán facendo esa achega porque o sentido común se imporá e porque o teñen xa en orzamentos”.

“Se non se fai este ano será o ano próximo. Hoxe dinlle que NON a 67 concellos da provincia de todas as cores políticas. Dinlle que NON a seguir traballando porque unha provincia se posicione turísticamente e ao traballo que se está a facer desde moitos consorcios. Presentamos unha proposta seria e sensata e sería un xesto máis cara aos concellos e vostedes só din que NON”, censurou.

O popular asegurou que a Deputación nada fixo en once anos polos dous xeodestinos xa en activo, mentres a Xunta puxo o diñeiro para a súa creación. “Non teñen iniciativas e non son capaces de liderar”, lamentou Armesto, quen apuntou que a Deputación de Lugo conta con 100.000 euros nos orzamentos en catro partidas para destinar aos xeodestinos, “polo que poderían darlle forma e que sexan achegas para os concellos. Aos concellos que non poden entrar aí e queren pódenlle dar ese balón de osíxeno, como a mellor forma de facer provincia, reforce ese papel dos xeodestinos”, reclamou.

Armesto explicou que o impulso ao turismo “ten que vir desde os propios concellos e da iniciativa privada que forma parte deses consorcios para facer provincia e facer turismo. Cada un destes destinos ten as súas singularidades e hai que aproveitalas e así o entende a Xunta que apoia con cantidades moi importantes. Buscamos propostas de utilidade e se traballamos ben os xeodestinos funcionan. Igual que achega a Xunta para que funcionen estes xeodestinos para apoiar á provincia en xeral e aos concellos en particular”, expuxo.

Engadiu ademais que se trataría “dunha cantidade asumible para a Deputación e unha descarga para os concellos que axudaría a despegar con estes xeodestinos nesta fase inicial”. “Unha proposta construtiva de que faga turismo, faga provincia e cubra a resultante desas cantidades como mínimo nos distintos consorcios”.

Dánlle as costas aos concellos
Os populares consideraban que hai que ter en conta que unha das principais competencias das deputacións provinciais é a asistencia económica aos municipios, especialmente a aqueles de menos capacidade económica e de xestión. Así o establece a Lei 7/1985, de 2 de abril, reguladora das bases de réxime local no seu artigo 36.1.b): “A asistencia e cooperación xurídica, económica e técnica aos Municipios, especialmente os de menor capacidade económica e de xestión (…)”; e no seu artigo 36.1.d): “A cooperación no fomento do desenvolvemento económico e social e na planificación do territorio provincial, de acordo coas competencias das demais Administracións Públicas neste ámbito”.

Exit mobile version