Site icon Crónica3.com A Mariña

O Presidente da mancomunidade de municipios da Mariña considera urxente unha reforma integral da N-642. Alfredo Llano subliña que hai tramos en Nois e Cervo nos que as fochancas son cráteres. Así llo comentou este mércores ao xefe da demarcación de estradas en Galicia, Ángel González del Río

Burela, 21 de febreiro de 2018. O presidente da Mancomunidade de Municipios da Mariña, Alfredo Llano, critica o lamentable estado no que se atopa a N-642 pola que durante os meses de xullo e agosto poden chegar a circular 17.000 vehículos ao día. Llano reclama o arranxo integral desta estrada coa máxima urxencia. Así llo comentou esta mañá ao xefe da Demarcación de Estradas en Galicia, Ángel González del Río, con quen mantivo unha conversa telefónica. O presidente da Mancomunidade subliña que hai tramos en Nois e en Cervo nos que as fochancas son auténticos cráteres.
Para Alfredo Llano “a N-642 é unha preocupación enorme, é un problema grandísimo para A Mariña tal e como está agora. Hai que pensar que a N-642 forma parte dunha infraestrutura moi necesaria, case vital, para o transporte de todo tipo que circula pola nosa Mancomunidade na Mariña. Houbo moita xente preocupada. Estamos todos preocupados porque soamente pasando por Nois e pasando por Cervo ver os cráteres enormes que hai nesa estrada, define claramente ata qué punto se pode deixar a libre albedrío o mantemento dunha estrada”.
O presidente da Mancomunidade de Municipios da Mariña di estar preocupado por este tema “e representando á Mancomunidade, puiden contactar con Ángel González del Río que é o Xefe da Demarcación de Estradas na zona norte de Galicia. Recoñecen, como non van recoñecer, como está a estrada, entón parece ser que en pouco tempo farán unha actuación nas zonas máis afectadas como pode ser en Nois, en Cervo e noutros puntos da estrada. E no mes de xuño calculan que vai estar xa todo en marcha, con toda a regulamentación perfectamente para que a empresa licitada acometa desde Barreiros ata Cervo como mínimo todo aquilo que se necesita facer, pero facelo ben con todas as garantías, cunha boa reposición do asfaltado e que se faga en firme”.
Alfredo Llano considera que “se debe facer unha mellora integral de toda a estrada ata rematala, e volver darlle un firme potente adaptado ás necesidades de tráfico que hai aquí. Hai que lembrar que aquí no mes de xullo e no mes de agosto hai ás veces cadencias de 12.000 vehículos diarios, ata 17.000 vehículos se teñen contabilizado unha vez o ano pasado”.
Llano precisa que “durante todo o ano necesitamos que a estrada estea ben. É un reclamo turístico tamén para que veña xente aquí, pero sobre todo para atender as necesidades que temos os que vivimos aquí a diario, os que nos desprazamos por esa nacional”.
Para o presidente da Mancomunidade mariñá “a urxencia é máxima. Eu penso que o compromiso tamén por parte de Fomento agora debe ser total, e penso que se van dar os pasos polo menos por un lado para evitar que estea tan deteriorada nesas zonas de Nois e Cervo, e por outro para comezar as obras o antes posible, que se calcula segundo me dixo el sobre o mes de xuño”.

Exit mobile version