Site icon Crónica3.com A Mariña

O presidente da mancomunidade de municipios da Mariña solicitará a convocatoria dunha xuntanza do consello de saúde do Hospital da costa, que non se reúne dende o ano 2009

A Mariña, 15 de febreiro de 2018. O presidente da Mancomunidade de Municipios da Mariña, Alfredo Llano, solicitará formalmente que o Hospital da Costa convoque unha xuntanza do Consello de Saúde desta comarca, que segundo denuncia leva sen reunirse dende o ano 2009. Para Alfredo Llano é necesario que ese Consello funcionase, xa que “alí se ofrecía información sobre proxectos,investimentos, listas de espera, xustificación de gastos, datos sobre a plantilla, material adquirido para o centro hospitalario, etc… e desde o ano 2009 non volvemos ser convocados nin saber nada”. No Consello de Saúde da Mariña estaban representados os Concellos ou as asociacións de doentes, entre outros colectivos.
Alfredo Llano lembrou que “desde o ano 2009 non se volveu convocar por parte do Hospital da Costa o Consello de Saúde que corresponde á area sanitaria da Mariña. Estes consellos estaban constituídos por asociacións de veciños, por asociacións de doentes, por alcaldes, por sindicatos, por profesionais do hospital, por diferentes sectores económicos e sociais, estaba moi representado este consello”.
Llano anunciou que “vou solicitar, como alcalde de Burela e como presidente da Mancomunidade, que se convoque este consello porque penso que é unha ferramenta útil de transparencia e de participación. Agora mesmo co anteproxecto que está en marcha, que se está levando para adiante a través da Xunta do PP, van distorsionar moitísimo esta participación. Penso que, sendo moi optimistas, a representación da Mariña quedará mermada a un 20% desa composición dos consellos que se pretenden agora conformar”.
O presidente da Mancomunidade dixo que “antes había unha cadencia, facíanse dúas ou como mínimo unha reunión anual. Nas dos anos 2008 e 2009 teño participado en moitas delas. Eran dunha información extraordinaria e daba lugar á participación. Tratábanse temas como as melloras globais dos servizos, as instalacións, os materiais, as dotacións, a electromedicina, todo aquilo que se ía gañando, que ían mellorando, proxectos que había. Facíase unha cousa moi importante que era a xustificación dos gastos, en que se invertía, canta plantilla había de profesionais, tamén se debatían as listas das agardas. Era algo que consideramos tremendamente importante como elemento de información e de participación. Tamén nos entregaban uns informes coas enquisas, coas participacións, cos proxectos. En definitiva que se daba unha importancia grande ao noso hospital en todos os aspectos”.
Alfredo Llano insistiu en que “tal e como está contemplado o anteproxecto que pretende retirar a área sanitaria propia da Mariña, vese que a elección dos membros dos consellos vai ser vía decreto. Polo tanto creo que vai quedar moi mermada a participación e a información. Que en nove anos practicamente non convocaran un só consello tamén ven dicir a deixadez e a pouca importancia que lle dan a estes temas con respecto á transparencia, a xestión e a participación”.
Llano engadiu que “vou solicitar isto para dalgunha maneira forzar que convoquen un consello onde a xente que estabamos participando teñamos a oportunidade de que nos aclaren e expliquen como está todo agora mesmo no hospital, que sempre sería bo para mellorar todo aquilo que se poida”.

Exit mobile version