Site icon Crónica3.com A Mariña

O PSdeG-PSOE de Foz inicia reunións de traballo coas asociacións culturais e deportivas do Concello

reunion sendeirosFoz 22-02-2018. O PSdeG-PSOE de Foz vén de iniciar, o pasado sábado día 17, as reunións de traballo coas que quere achegarse ás asociacións culturais e deportivas do noso Concello. O obxectivo é coñecer de primeira man as distintas actividades e proxectos que promoven, que converten a Foz nun dos pobos máis dinámicos da Mariña.

A asociación A Ribeira, moi activa no ámbito náutico-deportivo, expúxonos a súa defensa duns portos en condicións que garantan un calado mínimo de navegación, un problema histórico da nosa vila. Informounos das súas xestións para conseguir o dragado e aumento de amarres no Porto de Foz e dun proxecto moi interesante que está a promover en Porto Chico cunha modificación da bocana para aumentar a seguridade das embarcacións amarradas. O PSOE comparte estas iniciativas e aplaude as xornadas de pesca deportiva que organiza esta asociación e que contribúen a diversificar o sector turístico e á posta en valor do Concello.

A asociación Os Sendeiros de Foz é un referente dos amantes das rutas a pé na Mariña. Conversamos con eles sobre as distintas saídas que fan ó longo do ano os 150 socios federados que a conforman e compartimos a preocupación mutua pola falta de limpeza e a invasión de maleza en camiños do noso Concello como a Ruta do río Ouro. Contaxiáronnos a ilusión que teñen por promover a afiliación de xente xove, para o que están traballando en distintas iniciativas, como a instalación dun rocódromo portátil para que os máis cativos poidan sentir a emoción da escalada nun entorno seguro. O grupo socialista síntese identificado completamente con estas iniciativas, que axudaremos a promover, na defensa da natureza e o deporte e na promoción das nosas paisaxes.

En definitiva, unha xornada moi produtiva que nos permite comprobar como se está a traballar, moito e ben, por parte dos veciños de Foz. Continuaremos coas reunións e xuntanzas para recoller ideas e axudar en todo: Foz ben o merece.

Exit mobile version