Site icon Crónica3.com A Mariña

O ROCHO DO CRONISTA: feitos, xentes, anécdotas…(VIII) “O MESTRE GOLMAR, EN FOZ”

Xesús Golmar, namorado da rectitude, da verdade e do ben, foi mestre por vocación; presidida a súa existencia por tres paixóns: a liberdade, a pedagoxía e o amor a Galicia que conxugou e defendeo na tribuna pública e na prensa, na que sempre fixo campaña a favor da cultura.
En tempos de irracionais comportamentos, de dramáticas consecuencias, sufríu a represión por defender e propalar os valores que teñen que ver coa dignidade humana: son os que, a través da cultura,proporcionan á persoa as cotas de liberdade e de autoestima. A súa filla María do Rosario, dinos: “ Considero a meu pai un librepensador, que sacrificou a felicidade pola súa terra e por un ideal de tolerancia e de respecto… Hoxe papá de seguro que se sente ledo porque algúns dos seus soños son unha realidade: volver á escola (ela é mestra no colexo de Lalín,que leva o nome do pai); ser semente de futuro; voar entre as pombas do noso patio; ver medrar en liberdade e sabedoría as novas xeracións; sentir o marmurio algareiro das voces; ser partícipe da formación dun pobo e dunha Galicia próspera e culta…”.
O mestre nacera en 1908(hai 110 anos). Con quince marcha a Lugo para facer o bacherelato; os estudos son tutelados polo seu parente don Ramón Salgado Toimil, o histórico mestre da escola de Fondós-Foz. Pasado algún tempo, Golmar escribiría: “Toimil coa súa actuación á fronte das masas obreiras; coa esquesitez da súa pluma; co seu rebelde proceder; co talento prodixioso que o fixo concibir obras inmortais, ben merecidas ten as simpatías e os afectos das xentes…”.
Na casa focega de Toimil pasa Golmar algúns veráns, e dinos a filla: “Meu pai amou estas terras nas que vivíu os mellores anos da súa vida; aquí atopou o afecto de grandes amigos”. Faise mestre; aproba as oposicións e ven destínado á escola de nenos de Santa Cilla-Foz.
Ó estalar a guerra civil, Golmar políticamente milita no galeguismo; ocupa a alcaldía de Lalín e o 4 de agosto ingresa no cárcere e, tras ser xulgado en Consello de Guerra, é condenado a cadena perpétua. O Xurado de Revisión de condenas rebaixa a do mestre e en 1941 regresa a Lalín. A Comisión da depuración do Maxisterio dictamina a separación do servizo e a baixa na escala.Nesta situación houbo de dedicarse, por vez primeira na vida, á labranza.
Morre o 20 de xaneiro de1962, sen saber que uns meses antes fora readmitido no maxisterio. Do exemplar mestre alguen dixo: “Galicia adora nel as grandes virtudes profesionais e cívicas; o seu labor altruista e xeneroso e o acrisolado amor á cultura e á terra nativa”.
Cando hai unha ducia de anos, por primeira vez este cronista espallou a súa semblanza humana, política e profesional, preguntou por él entón en Santa Cilla, sobremaneira aos vellos do lugar, e non atopou a quen lembrase a estadía á fronte daquela escola ao mestre Golmar…

Exit mobile version