Site icon Crónica3.com A Mariña

Os corpos policiais intensificarán a vixianza para reducir a delincuencia en Ribadeo

ribadeo3Lugo, 22 de febreiro de 2018- O subdelegado do Goberno en Lugo, Ramón Carballo, e o alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, copresidiron esta mañá a reunión ordinaria da xunta local de seguridade, na que se fixo unha análise da situación delincuencial no municipio así como un repaso dos distintos plans de seguridade que se desenvolveron ao longo do ano 2017.

Ademais do subdelegado e do alcalde, na xuntanza participaron tamén a xefa da Unidade contra a violencia sobre a muller da Subdelegación do Goberno, e representantes da Garda Civil, o Subsector de Tráfico, a Policía Autonómica e a Policía Local.

OS DATOS

Os datos oficiais presentados esta mañá revelan un lixeiro aumento das infraccións penais denunciadas en Ribadeo ao longo do ano 2017. Fronte a esa tendencia, destaca especialmente o descenso dos delitos contra a seguridade colectiva –nos que se enmarcan os delitos contra a saúde pública e contra a seguridade vial- que se reduciron en preto dun 70%.

Para revertir a suba da delincuencia aprezada en 2017 e previr a comisión de novos delitos, especialmente dos delitos contra o patrimonio que son os que maior incidencia teñen no municipio e os que maior intranquilidade xeneran, a xunta local de seguridade acordou intensificar a vixianza, tamén nocturna, por parte dos corpos policiais con presenza no municipio, así como reforzar a colaboración xa existente entre eles para esclarecer os delitos que se chegaron a producir.

Segundo se espuxo tamén na xuntanza, a Garda Civil resolveu o ano pasado a metade dos delitos de maior consideración (os catalogados como graves e menos graves) que se denunciaron en Ribadeo. Detiveron a 42 persoas e investigaron a outras 14.

ROUBOS EN ESTABLECEMENTOS HOSTELEIROS

Os membros da xunta de seguridade referíronse tamén aos roubos en establecementos hosteleiros rexistrados nos últimos meses no municipio. Neste senso, o subdelegado recoñeceu que estes feitos causan unha “lóxica sensación de inseguridade”. Trátase non obstante, e segundo explicou, “de feitos illados” pero “as Forzas e Corpos de Seguridade do Estado están xa a traballar de xeito intenso para frear estes episodios”. Na xuntanza lembrouse ademais que no mes de decembro non se presentou ningunha denuncia por esta tipoloxía delictiva no municipio, en xaneiro presentáronse dúas, e no que vai de febreiro, outras dúas (unha delas, por roubo en grao de tentativa, xa que únicamente se rexistraron danos na porta do local). A meirande parte de denuncias por delitos contra o patrimonio que se están a presentar en datas recentes en Ribadeo son, como constataron os corpos policiais, por furtos de carteiras e móbiles, principalmente.

MELLORA DA SEGURIDADE ESCOLAR

Ramón Carballo fixo tamén un breve repaso dos plans operativos impulsados pola Secretaría de Estado de Seguridade que se aplicaron en Ribadeo durante o pasado ano, destacando a súa acollida e bos resultados. É o caso do Plan director para a convivencia e a mellora da seguridade escolar e as súas contornas, o Plan maior de seguridade ou o Plan operativo de resposta policial ao tráfico minorista e consumo de drogas en zonas, lugares e locais de ocio, entre outros.

Salienta de xeito especial a consolidación do Plan director para a convivencia e a mellora da seguridade escolar que, a través de charlas por parte de persoal das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, pón a disposición dos centros de ensino a asistencia técnica que precisan para previr e abordar os episodios graves que poidan ameazar a convivencia escolar, así como axuda a mellorar o coñecemento de alumnado, pais e nais e profesorado sobre os problemas de seguridade que afectan aos máis novos.

No actual curso académico, representantes das Forzas e Corpos de Seguridade impartiron 4 charlas en centros de ensino do municipio mariñano: 2 sobre os perigos do alcohol e as drogas, 1 sobre os riscos en internet e as novas tecnoloxías e 1 sobre acoso escolar. Están pendentes de realizar outras 9, no CPR Sagrado Corazón, o CIFP Porta da Auga e o IES Dionisio Gamallo Fierros, todas con data xa fixada.

No curso 2016-2017, os centros ribadenses acolleran un total de 8 charlas nas que se abordaron, ademais das temáticas anteriores, aspectos relacionados coa prevención dos lumes forestais.

Exit mobile version