Site icon Crónica3.com A Mariña

Ramiro Fernández mantivo unha xuntanza coa xefa territorial de medio rural para abordar a homologación dos circuitos de btt no Monte Castelo de Burela

Burela, 1 de febreiro de 2018. O concelleiro de Deportes, Ramiro Fernández Rey, mantivo hoxe un encontro xunto a membros da comunidade de montes e club Cerezo Bikes, coa Xefa Territorial de Medio Rural para chegar a un acordo sobre os trámites a levar a cabo para a homologación dos circuítos de BTT do Monte Castelo.
O edil explicou que “tivemos unha xuntanza o responsable da comunidade de montes, os membros do club Cerezo Bikes e pola parte do Concello fun eu, coa Xefa Territorial de Medio Rural para falar do circuíto BTT que o club ten no Monte Castelo”.
Fernández Rey lembrou que “estaba habendo unha serie de problemas de que non tiñan totalmente autorizado o uso dese circuíto, e o interese tanto do club ciclista como do Concello é que eses circuítos estean operativos e poidan ser permanentes para o seu uso, para a práctica deportiva, e tamén porque trae moitísima afección doutros sitios de Galicia, incluso de Asturias, para practicar a bicicleta no Monte Castelo”.
O concelleiro de Deportes declarou que “nesa reunión chegamos á conclusión de que temos que intentar que a comunidade de montes dea autorización para ese uso. Por parte da Xunta de Galicia dixeron que se hai autorización da comunidade de montes, en principio a Xunta non ten ningún problema en que eses circuítos estean permanentes”.
Ramiro Fernández engadiu que “quedamos en seguir falando coa comunidade de montes, e eu penso que o interese común tanto do Concello como da comunidade de montes é o ben de Burela, e o Concello entende que é bo para Burela que eses circuítos estean totalmente homologados e dados de alta como teñen que estar”.
O responsable de Deportes no Concello burelés espera que “en próximas datas esa autorización da comunidade de montes estea lista, que faga a súa asemblea ou o que teña que facer, e poidamos conseguir que estes circuítos sexan permanentes e se poidan usar durante todo o ano, e non en momentos puntuais como ata o de agora que foi cando se celebrou a proba de enduro”.
Ramiro Fernández confía en “que a comunidade de montes entenda este sentir, e que poidamos tamén aproveitar o monte para esas probas, para ese uso deportivo e para traer xente a Burela”.

Exit mobile version