Viveiro, 18 de febreiro de 2018. SON VIVEIRO, a través do seu Concelleiro Luís Manuel García Otero, rexistrou o pasado día 6 de febreiro unha proposta de urxencia co fin de esixir do Goberno de Viveiro que o Concello se sume á Folga Feminista convocada para este 8 de marzo.
O próximo 8 de Marzo, día Internacional da Muller, o movemento feminista co apoio de organizacións e colectivos políticos, sociais e sindicais convoca unha folga xeral das mulleres ao longo e ancho da nosa xeografía, de aí o intento de SON VIVEIRO de facela tamén extensiva ás mulleres de Viveiro co fin de conseguir tanto coa folga laboral como a de coidados e consumo facer fronte ás desigualdades, ás discriminacións e ás violencias estruturais sufridas por máis da metade da poboación mundial, as mulleres, pero tamén de reivindicación dun novo modelo social, xusto, democrático e igualitario.
Unha folga feminista contra un sistema capitalista e patriarcal que permite que as desigualdades estruturais padecidas estean alcanzado niveis dunha dimensión e gravidade tal, que fai ineludible tomar as rúas, as institucións e os centros de traballo para demostrar que sen as mulleres o mundo párase.
Un mundo cuxo funcionamento, datos e prácticas nos engloba e debúxanos nestes escenarios: En todo o mundo, as mulleres gañan só entre o 60 e o 75 por cento do salario dos homes en traballos de igual valor.
No Estado español, o traballo dedicado polas mulleres aos fogares, ao coidado e á reprodución alcanza o 53 % do PIB, o que significa que o Estado fai recaer nas mulleres gran parte do que debería estar atendido a través dos servizos públicos.
En Galicia a fenda salarial entre mulleres e homes sitúase nun 22,1%, onde ademais a maioría de mulleres con emprego sitúanse nos tramos salariais máis baixos. Os últimos datos así nolo presentan, o 36,34% das mulleres asalariadas teñen ingresos iguais ou inferiores do salario mínimo interprofesional. É a chamada pobreza salarial, mulleres pobres con emprego.
A práctica da interrupción voluntaria do embarazo non está garantida para todas as mulleres. A lexislación existente permite que a clase médica máis reaccionaria poida negarse a realizar o IVE nos centros sanitarios públicos e que o código penal siga contemplando o aborto como un delito.
As agresións sexuais e as violacións, nalgúns casos, pasaron de ser actos criminais individuais a formas grupais cada vez máis presentes.
Os continuos asasinatos de mulleres, que deben traducirse nun rexeitamento frontal a esta inaceptable realidade, que consolide a construción dunha cultura anti patriarcal para erradicar esta violencia sistémica da vida das mulleres.
A notoria expansión que está adquirindo o debate e a demanda dos ventres/úteros de aluguer, non o esquezamos de mulleres pobres, que son quen se ven obrigadas a esta forma de explotación capitalista e patriarcal.
Os milleiros de mulleres e nenas traficadas para consumo sexual dos homes e a súa irrefutable conexión coa “industria do sexo” e a prostitución.
Por estas e moitas máis razóns SON VIVEIRO esixe do Concello o apoio á Folga Xeral das Mulleres, facilitando todos os medios materiais, persoais e de difusión das manifestacións, concentracións, actividades e actos convocados para o 8 de marzo e adoptando todas as medidas necesarias para garantir o exercicio do dereito fundamental de folga previsto na Constitución e na Lei por parte de todas as mulleres traballadoras municipais que se sumen á Folga Xeral das Mulleres así como a suspensión de todos os posibles actos institucionais no concello que poidan intervir na participación en dita folga e a colocación da bandeira feminista na sede do Concello de Viveiro do 1 ao 9 de marzo coma símbolo de apoio á loita das mulleres.