Site icon Crónica3.com A Mariña

Un total de 702 escolares da provincia non puideron acudir aos centros pola presenza de neve nas estradas

Lugo, 6 de febreiro de 2018.- A presenza de neve nas estradas impediu esta mañá a asistencia aos centros educativos dun total de 702 escolares da provincia de Lugo (dos cales 570 son usuarios de transporte escolar e o resto trasládanse por medios propios), segundo os datos recollidos pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Víronse afectados 26 centros educativos, e polo que respecta ás rutas de transporte escolar, rexistráronse 48 itinerarios totalmente afectados e 29 só parcialmente.

Por segundo día consecutivo foi preciso suspender as clases na Fonsagrada, tanto no CEIP Santa María como no IES Fontem Albei. Nesta xornada tamén se suspenderon as clases no CEIP Antía Cal Vázquez de Muras.

Na Montaña rexistráronse incidencias tamén no CPI de Navia de Suarna, no CEIP Concepción López Rey de Baleira, en Becerreá o CEIP San Xoán e o IES de Becerreá, o CPI de Cervantes, o CEIP das Nogais, o CPI Uxío Novoneira de Pedrafita do Cebreiro e o CEIP de Samos.

Na zona centro faltaron alumnos a causa da neve no CPI de Castroverde, no CEIP Aquilino Iglesia Alvariño de Abadín, no IES de Monterroso, no IES Santiago Basanta Silva e no CEIP Monseivane de Vilalba; en Pastoriza no CEIP de Bretoña e no CEIP O Salvador así como no IES Fonmińá; en Meira, tanto no colexio Poeta Avelino Díaz como no IES Pedregal de Irima; e no CEIP Plurilingüe de Riotorto.

Mesmo na capital tiveron problemas 34 alumnos do CEIP de Casás usuarios do transporte escolar e un do Centro de Educación Especial Santa María.

Por último, na Mariña rexistráronse ausencias por causa da neve nas estradas no IES Plurilingüe San Rosendo de Mondoñedo e no IES Enrique Muruais da Pontenova.

Durante a pasada madrugada, traballadores do operativo de vialidade invernal da Xunta de Galicia estenderon nas estradas da rede autonómica na provincia 73 toneladas de sal e 45.000 litros de salmoira. Todas as estradas desta rede están abertas ao tráfico; as máquinas continúan traballando, como o veñen facendo nos últimos días, para tentar que a afectación do temporal de neve á circulación sexa a menor posible.

Exit mobile version