Site icon Crónica3.com A Mariña

6 Concellos aproban o convenio coa Deputación que garante prazas para os seus veciños nos centros de maiores

Lugo, 23 de marzo de 2017. Os Concellos da Fonsagrada, Pol, Ribas de Sil, Trabada, Pedrafita do Cebreiro e Ribadeo aprobaron este venres nos seus respectivos Plenos o convenio marco coa Deputación que garante a xestión pública e prazas para os veciños deste municipio, con independencia da súa situación económica, nas residencias e centros de día.

Á espera de coñecer os resultados da votación no Pleno de Pol (que terá lugar ás 21:00 horas e onde se garante a súa aprobación); houbo unanimidade en Ribadeo, Pedrafita do Cebreiro e Ribas de Sil. Na Fonsagrada aprobouse coa abstención do PP e BNG e en Trabada coa do PP. En todos os casos, (á espera do Pleno de Pol) ninguén rexeitou ou votou en contra do modelo que os Concellos definiron e acordaron coa Deputación para a posta en marcha dous centros da terceira idade.

Este modelo establece a xestión pública dos centros de maiores dende Deputación e Concello e, o máis importante, define o acceso ás 190 prazas de residencia e 90 de centro de días que en total se ofrecen na Fonsagrada, Pol, Ribas de Sil, Trabada, Pedrafita do Cebreiro e Ribadeo. Este basease no seguinte:

1.- as prazas son de xeito preferente para os veciños do Concello onde se sitúa o centro de maiores, en segundo termo para os dos municipios limítrofes ou da Comarca e logo para lucenses en xeral.

2.- todos os veciños, independentemente da súa situación económica, poderá acceder as prazas. Para elo, os usuarios pagarán en función da súa capacidade económica. A Deputación comprométese cunha achega de ata 600 euros por praza. Se esta cantidade non é suficiente, o organismo provincial asumirá o déficit nos Concellos de menos de 5.000 habitantes por seren os de menos recursos económicos. Se os municipios contan cunha poboación maior, este déficit asumirao o Concello. Isto garante o acceso universal de todos os lucenses ás residencias e centros públicos da Deputación nos Concellos.

As vantaxes dos centros de maiores da Deputación nos Concellos con respecto aos públicos da Xunta de Galicia son as seguintes:

1.- Os veciños terán praza no seu propio Concello ou nun limítrofe, non tendo que abandonar o seu entorno habitual. Moitos veciños están hoxe en residencias fóra do seu municipio e incluso da súa provincia.

2.- Garántese o acceso universal dos veciños da provincia aos centros de maiores da Deputación cos Concellos con independencia da súa capacidade económica. Por exemplo, un maior cunha pensión non contributiva contará con toda a axuda pública necesaria para contar cunha praza de residencia ou de centro de día no seu municipio.

3.- Os veciños non terán que esperar tanto tempo pola súa praza, pois non entrarán nunha bolsa autonómica, agardando meses e meses.

Exit mobile version