Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación esixe investimentos nas infraestruturas do Estado e destaca que o Plan viario provincial ten 42,5 millóns

Lugo, 27 de marzo de 2018. O Pleno da Deputación de Lugo aprobou este martes por unanimidade a moción presentada polo Goberno Provincial para reclamar ao Estado e ao Ministerio de Fomento que execute melloras na rede ferroviaria e de estradas na provincia de Lugo. Na mesma sesión, o Goberno provincial destacou que mentres o Estado escatima fondos para as infraestruturas de comunicación da provincia de Lugo, “o Goberno da Deputación inviste 42,5 millóns de euros, dende o ano 2015 ao 2018, na rede provincial”.

O acordo tomado pola Corporación provincial a proposta do Grupo de Goberno inclúe as seguintes medidas:

1.- Instar ao Ministerio de Fomento a que aprobe un Plan de Mellora Integral das estradas de titularidade Estatal ao seu paso pola provincia de Lugo, a mellora do incremento dos servizos de tren de media distancia con orixe e destino Lugo, así como a execución do “Plan de Refuerzo” deseñado por Renfe para os servizos ferroviarios de Ancho Métrico Ferrolterra – Ortegal – A Mariña – Asturias, e a execución de inversións suficientes para a modernización do tren e infraestruturas ferroviarias no territorio lucense.

2.- Esixir ao Ministerio de Fomento que no prazo de 6 meses elabore unha planificación na que se especifique actuacións, prazos de execución e o orzamento correspondente para rematar as autovías pendentes na provincia de Lugo, a conexión de alta velocidade e a estación intermodal.

Campos Conde subliñou que “nos últimos días o Ministerio anunciou que ía destinar 2,8 millóns de euros para o arranxo de estradas na provincia, o que nos parece unha insignificancia. É unha incongruencia que o PP nos pida a nós que acheguemos fondos de remanentes para o arranxo de viais cando levamos investido dende hai tres anos máis de 42 millóns de euros en estradas. Trátase dunha nova incongruencia do PP, pois sen ir máis lonxe, no Congreso dos Deputados aprobouse unha proposición non de lei impulsada polo PSOE para que se arranxaran as infraestruturas na provincia de Lugo, cos votos en contra do PP”.

Estradas nacionais
“O Partido Popular estase a burlar unha vez máis dos lucenses co anuncio de 2,8 millóns de euros para tapar baches nalgúns treitos de estradas estatais cando nos Orzamentos do Estado de 2016 e 2017 figuran polo menos máis de 20 millóns de euros para o seu mantemento. No orzamento do Estado de 2016 figuran 8 millóns de euros para a conservación das estradas nacionais na provincia de Lugo e 1.145.000 euros especificamente para a A-6. No presuposto de 2017, hai outros 10,3 millón para o mantemento das vías estatais no conxunto do territorio lugués e outra partida de 1.145.000 euros, a mesma que no exercicio económico anterior, para a A-6. Polo tanto, hai consignados cando menos máis de 20 millóns”.

“Os 2,8 millóns de euros que anuncia Fomento para o arranxo de varios tramos nas estradas N-547, N-540, N-642 e A6 non son máis que unha limosna, unha nova mostra do desprezo e a discriminación que sofre a provincia de Lugo por parte da Xunta de Galicia e do Goberno central, pois esta consignación orzamentaria é irrisoria tendo en conta o estado destas vías. A estrada a Santiago atópase impracticable entre Palas e Melide. O grao de desfeita entre a saída da A-54 e o límite coa Coruña foi en aumento nos últimos meses, ata o punto de que hai carrís por onde non se pode circular. A estrada a Ourense supón un risco evidente para a seguridade dos miles de condutores que a diario circulan por ela. Particularmente, entre os quilómetros 50 ao 56 á altura de Chantada a pésima situación do firme vese intensificada. Pola súa parte, na N-642 o firme está tan deteriorado que obriga aos condutores a conducir en zigzag ou pegados ao centro do viario co fin de evitar os buratos”.

Autovías
“Polo que respecta ás autovías, a situación é igualmente crítica: a A-6 ten un estado impresentable, chea de fochancas que son un perigo e fan estragos nos vehículos. En canto á autovía A-54 entre Lugo e Santiago, o primeiro treito (Santiago-Lavacolla) inaugurouse hai 19 anos, o compromiso do PP era rematala no 2015. Deixárona sen orzamento en 2013 e no 2014, e agora pospoñen a súa finalización no mellor dos casos para o 2022. A A-56 entre Lugo e Ourense segundo os orzamentos, tiña data de comezo 2007 e fin 2018, a realidade é que a día de hoxe só hai un treito en obras, na provincia de Ourense, A Barrela-San Martiño. A conexión entre Barreiros e San Cibrao, de vital importancia para os veciños e a economía da Mariña, aínda ten pendente a redacción do proxecto para dous treitos (Foz-Burela e Burela-San Cibrao). Mentres que o sur da provincia segue agardando pola autovía A-76 alternativa á N-120, e a A-72 fundamental para o Porto seco de Monforte”.

Servizos ferroviarios
“Respecto á planificación ferroviaria, Lugo tamén queda á marxe. Todas as capitais de provincia teñen actuacións previstas para un tren do S.XXI excepto Lugo. Despois de 7 anos de goberno do PP o AVE a Lugo desapareceu. O proxecto redactado en 2010 para a construción da intermodal foi suspendido por Fomento no 2012. O FEVE tamén é un servizo que ano tras ano empeora e que están desmantelando. Sofre constante averías (900 no 2017), días nos que só circula 1 dos 9 trens con destino cara a Ferrol, cancelacións por falta de persoal (8 en 1 día). Outra mostra máis da discriminación que sofre a nosa provincia é a supresión dos servizos ferroviarios que conectan con Lugo, Madrid ou Barcelona, con trens que pasan por Guitiriz e non paran. Os 400 veciños de Parga non teñen, na actualidade, transporte público, nin tren nin autobús; ou a supresión de 32 pasos a nivel na liña Ourense-Monforte-Lugo”.

Exit mobile version