“Os partidos contra Ourense sempre son competidos. En liga empezamos perdendo, pero puidemos dar a volta ao marcador axiña e despois soubemos manexarnos bastante ben” botaba así a vista atrás o adestrador mariñán, coa vitoria de 4-5 en liga na primeira volta, valorando tamén a evolución desde entón do que agora ocupa a sexta praza en Primeira (40 puntos): “Vímolo no partido contra Poio. Tamén ten algunha baixa. Cambiou un pouco a defensa, vénse a media pista. Non sabemos se haberá sorpresas, se os dará o balón ou tamén quererá propoñer. Espero que poidamos resolver ben calquera da súa opcións” falaba así do actual campión de España o adestrador.
Nas filas burelistas, xunto a Judith e Julia, que xa non puideron entrar na convocatoria a semana pasada por lesión, tamén se suma a dúbida de Sara. “Animicamente chegamos ben, aínda que levamos unha semana un pouco atípica por efectivos, con tan só sete xogadoras de pista e con Camila recentemente reincorporada logo da súa viaxe ao Brasil” lamentábase así o adestrador, apostando pola garra e ilusión para suplilo: “Afrontaremos o partido do sábado coma se fose o último, sen pensar na final. Agora mesmo preocúpame o meu equipo. Estamos competindo ben e temos que seguir así. Neste aspecto tamén nos veu ben o partido de liga coas Burgas, de hai dúas xornadas. Deixounos un mal sabor de boca, aínda coa vitoria, pero sacámolo adiante e iso refórzanos; as xogadoras saben que o cadro está feito e é capaz de loitar por calquera título” puntualizaba o técnico.
O outro billete para a final
Cidade das Burgas e Poio Pescamar protagonizarán a segunda semifinal (sábado, 19.30 horas). “É favorito Poio, aínda que As Burgas demostrou que está competindo con todos os equipos e a un partido pode facer dano. Non me decantaría por un ao cento por cento porque o equipo ourensán nos puxo as cousas difíciles nos dous enfrontamentos de liga” explicaba Julio Delgado.
I Minicopa
As categorías de base estarán presentes na cita coa Minicopa, co duelo entre Poio e A Fervenza-Burela FS (domingo 1, A Raña, 16.30 horas). “É moi bonito que empecen a aflorar as bases e ter presenza nesta Copa. Ademais ás nenas seguro que lles fai moita ilusión. Case todas as miradas están dirixidas ao deporte masculino, pero esta Minicopa é un reflexo máis de que o feminino tamén medra a pasos axigantados, co protagonismo da base. Esperemos que entre todos contribuamos a que sexa unha gran Copa” concluía Julio Delgado.