Site icon Crónica3.com A Mariña

A Pomba do Arco organiza este xoves 22 de marzo un acto en lembranza das protestas das mulleres contra a fame e dos 122 veciños mortos pola epidemia de gripe

Foz 15-3-18. A Libraría Bahía de Foz, acolle o xoves 22 de marzo ás 20:30 a presentación do volume “A rebeldía galega contra a inxustiza”, nun acto no que participarán o coordinador do volume Xosé Ramón Ermida Meilán, Xoán Costa, presidente de Sermos Galiza, e Xoán Ramón Fernández Pacios , presidente d´A Pomba do Arco, entidade organizadora do acto. O volume recolle un extenso traballo de Xosé Ramón Ermida Meilán sobre a revolta acontecida en Foz en 1918, un levantamento social dirixido e protagonizado pola mulleres focegas nun contexto marcado pola brutal epidemia de gripe que rematou coa morte de máis de 122 veciños da localidade e dunha vaga de fame como consecuencia da alza dos prezos dos produtos de primeira necesidade. Segundo sinalou Xoán Ramón Fernández Pacios “os sucesos de 1918, que foron obxecto nalgúns dos seus aspectos de actividades d´A Pomba do Arco, merecen ser coñecidos e divulgados na medida que representan os momentos máis críticos e dramáticos da historia contemporánea de Foz”.

A publicación editada por Sermos Galiza analiza e contextualiza o desenvolvemento en Foz epidemia da gripe de 1918. A pandemia coñecida popularmente como “ a gripe española”, considerada como a última grande peste da historia mundial, provocou a morte en todo o mundo de máis de 50 millóns de persoas, das que máis de 300.000 eran cidadáns do Estado español. Se ben o groso da epidemia desenvolvese ao longo do mes de maio de 1918 a Galiza non chega até o mes de outubro, sucedéndose ao longo das primeiras semanas do outono as primeiras mortes en Foz até sumar a finais de decembro 122 persoas dunha poboación de 7.200 veciños. Aínda así, como achega Ermida no seu traballo, o contaxio chegou a afectar no mes de novembro, segundo un escrito enviado polo presidente da Sociedade de Socorros Mutuos ao 70% da poboación da vila, sinalando a prensa do momento, nomeadamente El Regional de Lugo que o contaxio era “altisimo en Fazouro, Cangas e Vilaronte”, sinalando que nesta última parroquia “hai 400 persoas afectadas”

Segundo sinala Ermida “ a mortalidade da epidemia veuse favorecida pola falla de medios sanitarios e pola fame. A este respecto a directiva da Sociedade de Socorros Mutuos denunciaba en novembro de 1918 a negativa da corporación local a fornecer medicación gratuíta a aqueles doentes sen recursos. Porén o problema da fame arrastrábase desde finais de 1917, ao ter subido moito o prezo dos alimentos de primeira necesidade, particularmente o trigo, ao destinalo á venda os mercados exteriores, como consecuencia da alta demanda de alimentos dos países europeos enfrontados na I Guerra Mundial”. Así as primeiras protestas comezan no mes de febreiro, producíndose concretamente o día 9 unha primeira manifestación liderada polas traballadoras das conserveiras, de recoñecida tradición sindical, que remata diante da casa do alcalde Xosé Reimunde na Praza de Foz. As semanas seguintes, diante da ausencia de solucións e cunha poboación na que aumentaba o descontento comezan a producirse o asalto contra os almacéns de grao existentes na vila.

“Non foi un fenómeno de Foz senón extensíbel ao conxunto de Galiza” destaca Ermida que destaca como “ a ira popular vaise centrando contra as autoridades locais e os principais propietarios, moi concretamente Eliseo Martínez, que se negara a vender o grao aos seus conveciños coa frase de “Haced harina de la arena de la playa” O 9 de marzo de 1918 as veciñas de Foz apedran a vivenda de Martínez e continúan a un dos seus almacéns de grao, situados na actual Casa da Cultura, que é asaltado procedéndose posteriormente ao reparto do cereal entre os veciños. Uns días máis tarde, entre o 11 e o 12 de marzo, a poboación de Foz diríxese outra vez contra a casa do alcalde, ao tempo outro importante propietario, librándose de ser asaltada ao ofrecer aos veciños unha parte do trigo que acumulaba na mesma. As xornadas de grande tensión e violencia, mesmo con sucesos de tentativas de linchamento, non tería solución até o mes de agosto de 1918, momento no que o goberno civil limita as exportacións fora da provincia de Lugo, fixando unha contía de cereal e alubias que debía ser destinado para o mercado local.

“Nada será igual na historia de Foz após os sucesos de 1918” sinala Ermida quen destaca que “as grandes mobilizacións dese ano abren o camiño a participación das clases subalternas na vida pública cuxo primeiro chanzo será a constitución no mes de xullo da Sociedade de Socorros Mutuos, unha entidade de carácter mutualista que ofrecerá até comezos dos anos cincuenta servizos médicos, medicinas gratuítas ou mesmo baixa por enfermidade aos seus asociados que chegaron acadar a cifra de máis de 500 persoas”. Segundo Ermida “ a memoria popular conservou durante moito tempo estes feitos, do que son testemuño as numerosas coplas e cantigas que lembran os feitos e das que daremos conta no acto porén até agora careciamos dun traballo que os explicase tomando como base a documentación escrita que ficou da época. En todo caso esta publicación quere ser unha homenaxe ás xentes de Foz, especialmente as súas mulleres, que naqueles días desenvolveron unha loita modélica contra a fame, xogándose a vida ou mesmo rematando parte delas detidas”

Exit mobile version