Site icon Crónica3.com A Mariña

A programación da Semana Santa de San Martiño comeza este sábado co pregón a cargo de Ramón Otero Couso e remata o 1 de abril. A Semana de Música Xosé Alonso cumpre a súa XV Edición

Foz, 20 de marzo de 2018. A programación da Semana Santa de San Martiño, organizada pola Confraría do Desencravo coa colaboración do Concello de Foz, comeza este sábado co pregón a cargo de Ramón Otero Couso, cóengo da catedral de Mondoñedo e párroco da concatedral de Ferrol. Dentro das actividades inclúense os concertos da Semana de Música Xosé Alonso, que cumpre a súa décimo quinta edición.
Na presentación dos actos participou o alcalde focense, Javier Jorge Castiñeira, quen destacou que “esta Semana Santa rural, tan coñecida e vinculada a un dos eixos do noso patrimonio como é a basílica de San Martiño de Mondoñedo, que é a catedral máis antiga de España, loxicamente faina especial. Ademais os numerosos actos relixiosos que se organizan durante todos estes días estarán acompañados coas actividades da Semana de Música Xosé Alonso”.
O rexedor municipal aproveitou para “invitar a todos a visitar o noso concello e a disfrutar de toda esta serie de actos culturais e relixiosos que se celebran durante a Semana Santa”.

A lectura do pregón a cargo de Ramón Otero Couso terá lugar este sábado, 24 de marzo, ás 20:30 horas na Basílica de San Martiño. O domingo 25 ás 13:00 horas será a bendición de ramos e palmas na praza da basílica e ás 13:15 horas celebrarase a misa. O mércores 28 ás 21:00 horas terá lugar o Oficio de Tebras e o xoves 29 ás 18:00 horas oficiarase a misa da Cea do Señor co acto do lavatorio.
O venres 30 ás 12:00 horas terá lugar o Viacrucis e para as 12:30 horas está programado o acto das Sete Palabras. Ás 18:00 horas será a procesión do Santo Enterro polo barrio do Caritel. O sábado 31 ás 20:00 horas celebrarase a procesión das candeas. Finalmente o domingo 1 de abril ás 13:00 horas oficiarase a misa cantada do Domingo de Resurrección e ás 14:00 horas no adro da basílica haberá unha solta de pombas.
En canto á XV Semana de Música Xosé Alonso, o sábado 24 actuará a Coral Polifónica de Foz despois da lectura do pregón. O domingo 25 intervirá a Coral Polifónica do Concello de Sarria ao remate da misa do Domingo de Ramos. O mércores 28 ofrecerá un concerto o dúo Laredo ás 20:30 horas na igrexa de San Xoán de Vilaronte. O venres 30 o coro parroquial de Foz e a Banda da Escola Municipal de Música de Foz intervirán no concerto especial de Venres Santo, ás 12:45 horas. O sábado 31 actuará a Coral Polifónica de Burela ás 21:00 horas. A Semana de Música rematará o domingo 1 de abril co concerto de clausura que correrá a cargo de Cantater ás 13:30 horas.

Exit mobile version