Site icon Crónica3.com A Mariña

“A SRA. ÁLVAREZ CHAO TEN A SÚA CASA SEN VARRER” (Grupo Municipal Socialista e Agrupación do PSdeG-PSOE de Lourenzá)

É un costume moi feo criticar a casa dos demais cando a propia está sen varrer. Isto é o que lle pasa á voceira popular de Lourenzá cando fala do equipo de goberno da localidade. Atrévese a Sra. Álvarez Chao de falar de crise interna no Grupo Municipal Socialista cando ela é a protagonista e a responsable da maior crise política dun partido político, como mínimo, na provincia de Lugo.

Ten a capacidade a Sra. Álvarez de gafar todo aquilo que cae nas súas mans. Acabou co goberno do Partido Popular en Lourenzá, perdendo máis de 300 votos nas últimas municipais, sendo ela alcaldesa. Acabou coa agrupación local do partido, deixando ao marxe á maioría dos afiliados. Fixo o mesmo coa Asociación de Amas de Casa. Era esta unha asociación moi activa na localidade, ata que a Sra. Álvarez se fixo cargo dela. Está tan gafada que ata nos últimos meses do seu goberno houbo unha riada que levou por diante varias pontes na localidade. Que teñan coidado en ACISA de Ribadeo… É un consello…

Fala a Sra. Álvarez de traballar polo Concello. De que traballo fala? Limítase a presentar nos Plenos algunha pregunta, algunha delas con non moi boa intención. Nin unha soa moción para presentar propostas que redunden na mellora da calidade de vida dos veciños.

Recentemente celebráronse no Concello as II Xornadas de Historia Local. Pois a pesar de estar invitada non apareceu en ningún dos actos. Si o fixeron os dous alcaldes populares que a precederon no cargo, sendo un deles ponente nas mesmas.

Debe saber por último a Sra. Álvarez Chao, que a Alcaldesa de Lourenzá, Rocío López García, conta co apoio, non só do Grupo Municipal Socialista senón de toda a agrupación socialista. Entre todos traballaremos para contar co apoio dos veciños e veciñas de Lourenzá e siga sendo a nosa alcaldesa durante moitos anos.

Exit mobile version