Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta acomete tarefas de limpeza e conservación no río Xunco, en Cervo, e no rego de Carballo, en Mondoñedo

Lugo, 15 de marzo de 2018.- Augas de Galicia, organismo dependente da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, acomete obras de limpeza, mantemento e conservación no rio Xunco, no municipio de Cervo, e no rego de Carballo en Mondoñedo.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, explicou que a intervención inclúe a retiradas de árbores e pólas caídas sobre a canle fluvial e diversas tarefas de roza e control da superficie vexetal das ribeiras.

“O obxectivo é manter o cauce no mellor estado dende o punto de vista medioambiental e de conservación da fauna piscícola, evitando ademais que a acumulación de vexetación poida causar desbordamentos”-aclara o delegado.

No municipio de Cervo, no rio Xunco, actuarase nun tramo de 360 metros, no casco urbano da localidade. En Mondoñedo, no Rego de Carballo, a actuación está a realizarse nun punto concreto da parroquia de Paiveira, en San Vicente de Trigás.

Os operarios encargados dos traballos axudaranse de diverso material como tractor, motoserras e distintos vehículos encargados de retirar a madeira e elementos forestais sobre o rio e realizar a correspondente xestión destes residuos, sempre con máximo respecto ambiental e do ecosistema.

Estes traballos completan un ambicioso programa de actuacións promovido desde Augas de Galicia e que xa levou a executar limpezas nas concas de varios ríos en municipios como os de Viveiro, Barreiros e Lourenzá, entre outros.

Exit mobile version