Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta apoiará con 50.000 euros a promoción e organización da Semana Santa de Viveiro, de interese turístico internacional

Viveiro, 23 de marzo de 2018.- A Xunta de Galicia apoiará con 50.000 euros a promoción, divulgación e organización da Semana Santa de Viveiro, declarada de interese turístico internacional. Será a través dun convenio de colaboración a tres bandas no que participarán, ademais de Turismo de Galicia, Abanca e a Xunta de Confrarías, organizadora do evento.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, explicou que estes apoios permitirán impulsar diversas accións: desde o desenvolvemento do programa cultural Adral, ata as distintas publicacións, concurso de carteis, estratexia publicitaria en prensa escrita, portais webs e outros soportes, a exposicións, colocación de gradas ou achegar o financiamento preciso para a restauración de tallas, como é o caso dos Anxos do Santo Enterro e completar o pago da escultura do Heraldo. Ao abeiro deste convenio, Turismo de Galicia aportará 40.000 euros e Abanca 10.000 euros.

A Semana Santa de Viveiro está considerada como unha das máis fermosas de toda Galicia, e destaca polo grande valor histórico e artístico da imaxes que procesionan. Trátase dunha das celebracións relixiosas más antigas de Galicia, xa que se celebra sen interrupción dende o século XIII. Ademais no ano 1988 acadou a declaración de Festa de Interese Turístico Nacional e despois, en 2013, o recoñecemento como Festa de Interese Turístico Internacional.

“As rúas de Viveiro convértense, durante a Semana Santa, nun museo ao aire libre, digno de contemplar e visitar. Polo tanto, serán benvidos todos os que queiran acompañarnos nesta cidade e descubrir a Semana Santa de Viveiro, que acadou unha importancia tal que incluso transcende ao feito relixioso”-dixo Balseiro.

O delegado territorial tivo tamén palabras de agradecemento e recoñecemento “o labor entregado” das confrarías que durante estes días, “e durante todo o ano”, traballan para que todos poidamos gozar deste evento, que se vive con especial intensidade e fe, pola veciñanza de Viveiro.

Exit mobile version