Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta financia ao Concello de Lourenzá a adquisición dun camión grúa con recursos do fondo de compensación ambiental

Lourenzá, 15 de marzo de 2018.- A Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, a través do Fondo de Compensación Ambiental, concedeu unha axuda ao Concello de Lourenzá co obxecto de adquirir un camión-grúa valorado en 40.000 euros, subvencionados nun 80% pola administración autonómica.

O delegado territorial da Xunta, José Manuel Balseiro, acompañado da alcaldesa da localidade e de concelleiros desta Corporación local, desprazáronse ata o recinto feiral de Lourenzá para coñecer as características e destino deste camión grúa que formará parte do parque móbil municipal.

Conservación e mantemento
O camión grúa empregarase, como destino principal, en distintas tarefas de conservación e mantemento asociadas á protección do medio ambiente, como poden ser, poda de árbores, retirada de residuos das áreas recreativas e zonas verdes, retirada de aparellos domésticos e o seu transporte ao punto limpo.

Na actualidade o Concello de Lourenzá non dispoñía dun vehículo destas características polo que a súa adquisición permitirá afrontar distintos traballos de carga e transporte. Ademais, servirá para apoiar as tarefas de arranxo do alumeado público e outros traballos en altura.

A veciñanza de Lourenzá tamén se beneficia doutra axuda, con cargo ao Fondo de Compensación Ambiental promovido pola Xunta, neste caso en conxunto co veciño municipio de Trabada, de feito, recibiron 74.000 euros para o sostemento do servizo de mantemento de espazos naturais.

Balseiro enmarca todos estes apoios na aposta do Goberno galego por colaborar cos concellos para mellorar os servizos que se prestan á cidadanía. A través do Fondo de Compensación Ambiental, unha iniciativa que a Xunta ten en marcha desde o ano 2010, os municipios obteñen un beneficio directo das explotacións eólicas, xa que as actuacións que realizan son financiadas a través do canon eólico.

Exit mobile version