Site icon Crónica3.com A Mariña

ABANCA e o GDR Terras de Miranda unen esforzos nun convenio para impulsar o desenvolvemento rural

Mondoñedo 15.03.2018. ABANCA e o Grupo de Desenvolvemento Rural Terras de Miranda (GDR 1) asinaron un convenio financeiro co obxectivo de impulsar, fundamentalmente a través do crédito, a reactivación económica e comercial da comarca lucense.
O presidente da grupo, Vidal Martínez-Sierra, e o director de zona de ABANCA na Mariña, Carlos Teijeiro, rubricaron hoxe en Mondoñedo un acordo que renova a aposta que mantén a entidade financeira co tecido empresarial da provincia.
O convenio facilita que os empresarios e emprendedores da comarca pertencentes á asociación e beneficiarios das axudas Leader 2014-2020 accedan a unha ampla oferta financeira con condicións melloradas respecto ao mercado. Así, contarán con produtos específicos de ABANCA co obxectivo de atender as necesidades do día a día das empresas: pólizas de crédito, préstamos persoais e hipotecarios, leasing mobiliario, anticipos, avais ou liñas de desconto comercial. O plan tamén inclúe condicións especiais na contratación de liñas de comercio exterior.
Do mesmo xeito, poderán beneficiarse das fórmulas de financiamento oficiais incluídas nos convenios que a entidade financeira mantén con ICO e IGAPE, así como coa sociedade galega de garantía recíproca Afigal.
Ademais, os comerciantes e industriais adheridos poderán acceder ás vantaxes que ofrece o Programa Cero Comisións de ABANCA, que permite deixar de pagar polo mantemento das contas e tarxetas, pero tamén polas transferencias, ingresos de cheques ou outros servizos habituais. ABANCA ademais poñerá a disposición da asociación o seu servizo de banca electrónica.
O GDR Terras de Miranda constituíuse no ano 2001 e agrupa os intereses de diversos colectivos destas localidades do norte de Lugo. ABANCA conta coa rede máis extensa de oficinas en Galicia e cunha oferta axeitada para autónomos e pemes.
O Convenio firmado estará a disposición de todos os interesados na páxina web do GDR-1 Asociación Terras de Miranda. (www.terrasdemiranda.org)

Exit mobile version