Site icon Crónica3.com A Mariña

Aleix Díaz Salas dobre medalla de prata no Campionato galego sub 16 en pista cuberta en 60 e 300 m.l.

Ribadeo 11-3-18. Este sábado 10 de marzo, o atleta ribadense Aleix Díaz Salas que milita no club Escuela Atlética lucense, desprazouse ata Ourense para participar no Campionato galego sub 16 en pista cuberta, que se celebraba na fermosa pista de atletismo de Expourense.

Nunha tarde moi intensa para o atleta ribadense, Aleix amosou chegar nun gran momento de forma e con moitas ganas de facer un bo papel. En 4 horas tivo que disputar 5 carreiras, o que implicaba un gran desgaste xa que apenas había tempo de descanso entre serie e serie, así que dende as 5 ata as 9 da tarde fóronse alternando as series e finales de 60 m.l. coas de 300 m.l.

Aleix principiou a sua participación coa primeira ronda da velocidade pura, en 60 m.l., na que non partía entre os grandes favoritos por non se-la sua distancia ideal, pero dende o primeiro momento amosou que estaba ó nivel dos mellores da tarde. Na primeira ronda clasificouse 2º da serie co 7º mellor tempo. Un par de horas máis tarde en semifinais Aleix reivindicábase sendo o 1º da sua serie e o 2º mellor tempo e xa na final, cando as forzas escaseaban, pero cunha gran moral, acadaba a definitiva 2ª praza nun final moi axustado entre todo-los participantes. Os tempos respectivos das series foron 7.80, 7.71, 7.72 seg., rebaixando sempre a sua mellor marca coa que chegaba ó campionato.

Na disciplina de 300 m.l. na que Aleix partía coa 2ª mellor marca, cumplíronse as perspectivas, ainda que con dobre alegría. Na semifinales conseguría a 1ª praza da sua serie cun tempo de 38.52 seg. o que supoñía que Aleix conseguía a marca para poder participar no Campionato de España individual sub 16 de pista cuberta, que se celebrará a vindeira fin de semana en Sabadell. Este resultado foi un subidón de moral que se reflexaría ó longo de toda a tarde. Xa perto das 20 h. era o turno da final. Unha carreira moi disputada ata o último metro na que os dous primeiro amosaron estar un peldaño por enriba e moi enchufados no campionato, xa que ambos voltarían a compartir podium nos 60 m.l. O rexistro foi de 38.38 seg., medio segundo menos que a marca coa que chegaba ó campionato.

Xornada triplemente fructífera coas duas medallas de prata e ese billete para Sabadell, un mérito para o traballo de Aleix que parte coa desvantaxa de adestrar habitualmente a 100 km dunha pista de atletismo.

Exit mobile version