Alfredo Llano lembrou que “hai unha tempada que temos un obradoiro de xardinería, creo que moi importante para que os alumnos que están formándose aí salgan moi ben preparados para exercer incluso nesa profesión”.
O alcalde burelés explicou que “como consecuencia desa preparación estamos vendo en Burela que realmente están facendo unha labor extraordinaria. Fixeron xa modificacións en varios xardíns, por exemplo no Rosalía de Castro que quedou moi ben, cunhas podas e unha serie de actuacións que fixeron e melloraron o aspecto xeral do parque de Rosalía de Castro”.
O rexedor comentou que “hoxe estivemos vendo o xardín que se preparou nas Casas Baratas, que necesitaba moito dunha actuación, e realmente fixeron unha labor moi boa. Parece que todos os veciños están moi contentos con esa nova imaxe que está dando ese parque, e nosoutros tamén estamos contentos de que sexa así. Para iso se fan os obradoiros, para que se vexa unha boa labor a base da aprendizaxe que se está adquirindo”.
Alfredo Llano anunciou que “hai outro proxecto que van facer en canto remate a Semana Santa, que é unha actuación importante na nova escola infantil que se abriu en Burela, para facer un axardinamento alí que sexa bonito e cumpra os parámetros de estética para que sexa atractivo”.
Llano engadiu: “penso que aí van culminar este obradoiro dunha maneira moi meritoria e satisfactoria para todos, e estamos xa pensando no seguinte que queremos facer para o ano que ven”.