Site icon Crónica3.com A Mariña

Aprobada por unanimidade a proposta do Goberno para desenvolver un plan de apoio económico ao deporte base

Lugo, 27 de marzo de 2018. O Pleno da Deputación de Lugo aprobou este martes por unanimidade a moción presentada polo Goberno Provincial para instar ao Consello Superior de Deportes e á Secretaria Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia ao desenvolvemento dun plan de apoio económico ao deporte base, no que se inclúa unha nova regulación laboral máis flexible para as persoas que colaboran e forman parte de clubs e entidades deportivas sen ánimo de lucro.

A través desta iniciativa, o Goberno acadou os seguintes acordos:

1.- Instar ó Consello Superior de Deportes dependente do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte e a Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, a que de maneira conxunta cas federacións deportivas nacionais e autonómicas, e o tecido asociativo do sector, desenvolvan un plan de apoio económico e de mellora do deporte base, na prestación de todo tipo de servizos deportivos que desenvolven os clubs e as entidades deportivas sen ánimo de lucro.

2.- Este plan de apoio económico e mellora do deporte basee conterá e propoñerá as alternativas necesarias para regular convenientemente e de acordo coa legalidade vixente, no ámbito laboral e as peculiaridades de cada modalidade deportiva, as actividades remuneradas que se realizan no seo dos clubs e das entidades deportivas; así como as medidas oportunas para asegurar o mantemento da consolidada rede de voluntariado no deporte, que realiza un labor altruísta, de maneira que a compensación económica que recibe polos gastos que lle ocasiona a actividade desenvolvida, de ningún xeito poidan ser considerados como un salario.

3.- Unha vez establecido este plan, instar ao Ministerio de Emprego e da Seguridade Social, a desenvolver unha normativa en materia laboral que teña en conta a importante labor social e integradora que desenvolven adestradores, técnicos, voluntarios, no eido do deporte base.

O Deputado de Deportes, Pablo Rivera Capón subliñou que “a lexislación estatal aplicable en materia laboral e deportiva está a poñer en serio risco a supervivencia de clubs e entidades deportivas, e a permanencia neles de adestradores, monitores, técnicos e incluso deportistas, debido a que o seu labor altruísta e voluntario estase equiparando cunha relación laboral convencional. Isto supón un incremento dos gastos derivados da práctica deportiva que, irremediablemente, vai conducir á desaparición de moitos clubs de base por ser incapaces de facer fronte ás esixencias económicas”.

2.000 clubs de base lucense afectados
Na provincia de Lugo existen un total de 2000 clubs de base, inscritos, que non son profesionais. Os recursos destes clubs adoitan ser bastante modestos e as retribucións do persoal que colabora con eles redúcense, na maioría dos casos, a cubrir os gastos necesarios para realizar a actividade.

Exit mobile version