Site icon Crónica3.com A Mariña

Campos Conde aborda con Protección Civil o recorte do 50% da Xunta e as axudas de 170.000 euros da Deputación

Lugo, 13 de marzo de 2018. O Presidente, Darío Campos Conde, mantivo este martes un encontro con representantes dos Grupos de Protección Civil na provincia, no que abordou o recorte do 50% dos fondos da Xunta de Galicia para este servizo, así como as axudas de 170.000 euros que habilitou a Deputación para facer fronte a ditos recortes.

Esta é a segunda xuntanza que mantén Campos Conde con representantes de
Protección Civil que lle trasladaran, no anterior encontro, a situación orixinada por mor dos recortes do Partido Popular na Xunta de Galicia. Cómpre subliñar que o Goberno Galego recortou nun 50% o financiamento para este servizo en toda Galicia, pasando nos últimos anos de 600.000 euros aos 340.000 euros.

Para facer fronte a este problema, o Goberno da Deputación habilitou esta nova liña de axudas do Plan Único, pioneira en Galicia, para que os Concellos poidan garantir a eficacia dos servizos. A Deputación pon á disposición de cada concello ata 4.000 euros para financiar gastos de Protección Civil, 4 veces máis do que lles concede a Xunta. Lembrar que en Lugo, hai hoxe en día 43 grupos de Protección Civil constituídos, que en total reciben só da Xunta 46.000 euros, é dicir, pouco máis de 1.000 euros de media, cantidade a todas luces insuficiente para que os profesionais das emerxencias poidan desenvolver o seu labor nas debidas condicións de traballo.

Campos Conde apuntou que “dende o Goberno da Deputación, e en resposta ás peticións destes profesionais, decidimos colaborar co Servizo de Protección Civil na provincia, que está presente en 43 municipios lucenses. Son máis de 2.000 voluntarios os que conforman esta rede de emerxencias, que non conta apenas con financiamento do Goberno Galego, obrigando aos municipios a asumir este servizo sen dotalo do orzamento necesario”.

Os representantes dos Grupos de Protección Civil na provincia agradeceron ao Presidente da Deputación a súa “sensibilidade” coa situación de precariedade na que se atopan estes profesionais e “agradeceron” a axilidade do Titular Provincial por introducir unha liña de financiamento para reverter a situación na que se atopan estes grupos. Deste xeito, apuntaron que xa tiveron contactos coas agrupacións de protección civil das outras provincias, que se interesaron por “esta liña de axudas pioneira” pois abre un camiño na mellora da financiación destes profesionais en todo o país.

“Trátase dun servizo fundamental para a nosa provincia, especialmente para os municipios máis pequenos que non dispoñen, en moitas ocasións, de profesionais de emerxencias como bombeiros ou policías locais. Isto implica que, nas localidades con menor poboación, a meirande parte da responsabilidade sobre emerxencias recae sobre estes voluntarios, prestando un servizo fundamental pois son os que mellor coñecen o territorio. Son, ademais, en moitas ocasións os que fan posible a celebración de festas, feiras, mercados ou eventos deportivos no rural lucense”, apuntou.

Neste senso, Campos Conde puxo en valor o “compromiso de todos e cada un dos voluntarios que, de xeito totalmente desinteresado, participan na prevención e na atención de emerxencias ao longo da nosa provincia”. O titular provincial lembrou o papel que este servizo desempeñou, por exemplo, durante este mesmo inverno, previndo e actuando durante os temporais de neve e xeo que afectaron a provincia de Lugo.

Custos financiables
O Presidente destacou que cada grupo ten as súas características especiais, baseadas no territorio no que se encontra. É por iso polo que o Goberno da Deputación habilitou esta liña na que cada municipio pode destinar ata 4.000 euros a financiar melloras nos grupos de Protección Civil de cada municipio. Poderanse financiar, con cargo ao orzamento da Deputación gastos correntes, como a contratación de subministros, como maquinaria; ou a execución de investimentos con obras de mellora nas bases que dispoñen os profesionais.

Exit mobile version