Site icon Crónica3.com A Mariña

Con Pólvora e Magnolias: “Presos do medo”

“Ate con boas intencións pódese matar a escala bíblica”, dicía Ben Goldacre, médico británico que denunciaba os abusos da industria farmacéutica, os seudocientíficos e a prensa.
A nosa sociedade vai camiño de converterse nun inferno forxado sobre nobres vontades, nunha “prisión permanente preventiva” –se me permiten o xogo de palabras (oxímoron)-. Tamén no berce da seudociencia e a información chabacana.
A morte do pequeno Gabriel Cruz deu para moitas cabeceiras e para un pequeno debate. Deberíamos de congratularnos polo segundo se non fora porque este foi a berros e cheíño de exabruptos.
Costa moito manter a calma cando a síntese final de toda a problemática nos leva, invariablemente, á conclusión de que hai danos que son irreparables, perdas que son definitivas. Sexan estas liñas unha pequena homenaxe para todos aqueles que marcharon antes tempo froito da violencia e da barbarie.
Sirvan estes renglóns, tamén, como un compromiso de solidariedade e redención cos presos que habitan os centros penitenciarios do estado español.
Asumir responsabilidades é signo de madurez, derivalas unha forma de infantilización social. Hai tempo chegamos á conclusión certeira de que no país só ía o cárcere quen roubaba para comer, hoxe, inclementes, pedimos que roden cabezas.
No ano 2016 había 51.121 reos nas penitenciarías do estado, dos cales aproximadamente un 10% cumprían sancións de illamento e de cuxas mortes un 15% tiña por causa o suicidio. Case a metade dos presos que se quitaron a vida estaban en tratamento por enfermidade mental.
Os cárceres son centros de exclusión social, os caldeiros do lixo daquelas persoas que molestan dentro da sociedade, por iso albergan principalmente a pobres, enfermos e drogo dependentes.
Segundo a ROSEP –Rede de Organizacións Sociais do Entorno Penitenciario- o 76% dos reclusos están internos pola comisión de delitos contra o patrimonio, roubos os maioritarios.
O quid da discusión a propósito da prisión permanente revisable, ou do endurecemento das penas, non ten que ver coa oposición maioritaria de xuíces e catedráticos do eido penal, tampouco coa súa manifesta inconstitucionalidade por colisionar co fin de reinserción da pena contemplado no art. 25.2 da C.E…..
O verdadeiro problema está en que cando se lexitima o aumento da represión esta sempre será aplicada sobre nós, en que a sociedade que non asume o delito como unha responsabilidade está cega, no feito de que a vinganza nunca reparará as nosas perdas e na convicción de que o perdón é o valor máximo da nosa especie.
Por unha sociedade con menos cárceres e máis escolas, onde non se esqueza nunca que, ollo por ollo, o mundo quedará cego.

Exit mobile version