Campos Conde destacou que “estes son traballos dos que se beneficiarán o conxunto dos veciños do Concello, tanto do núcleo urbano do municipio, como os de Celeiro, e cos que dende o Goberno da Deputación reivindicamos uns bos servizos públicos para mellorar a calidade de vida dos veciños. Son actuacións coas que renovamos dotacións públicas esenciais, que supoñen un grande impacto no día a día das persoas”.
Loureiro García agradeceu a “constante colaboración do organismo provincial cos Concellos da provincia, especialmente co de Viveiro, traendo importantes investimentos para realizar melloras que non poderíamos levar a cabo dende o Concello”.
Renovación integral con 356.000 euros
O Goberno da Deputación mellorou con 169.400 euros a rúa Lodeiro por tratarse dunha céntrica vía que rexistra moito tránsito, pois nela sitúanse servizos públicos fundamentais como o centro de saúde e PAC, que atende aos máis de 18.000 veciños de Viveiro, Ourol e O Vicedo; a oficina de Correos referencial para os cidadáns de Viveiro, Ourol, O Vicedo e Xove; a gardería municipal que acolle a uns 100 nenos, así como ducias establecementos comerciais e hostaleiros, ademais de vivendas.
Os traballos, xa rematados, consisten na pavimentación integral dos preto de 400 metros da vía cunha capa de 6 centímetros de rego asfáltico en quente; a dotación de novas beirarrúas e remodelación das existentes con baldosas de pizarra negra e granito gris; a substitución do alumeado público con luminarias de 5 metros de altura e de baixo consumo que permitirán un aforro económico ao Consistorio; a mellora e conexión dos servizos de saneamento pluviais e fecais existentes do canellón “Machuco”; o pintado das marcas viais de tráfico e a dotación de novo mobiliario urbano como papeleiras e bancos.
Campos Conde e Loureiro García supervisaron tamén os traballos de mellora que se están a realizar na rúa Rego da Fonde, na parroquia de Celeiro, que contan cun orzamento de 187.500 euros. Trátase dunha das estradas máis importantes da que é a parroquia máis poboada do Concello, con uns 2.000 veciños, e pola que transitan diariamente grande cantidade de peóns.
Os traballos que se están a realizar consisten no cambio do sistema de saneamento e do pavimento, así como na humanización da travesía, con actuacións como a prantación de árbores ou a ampliación das beirarrúas. Estanse a renovar as tubaxes de todo o sistema de saneamento que, debido á súa antigüidade, se rompían e producían cortes de auga e tamén asolagamentos. Deste xeito, Deputación e Concello responden a unha demanda histórica do veciños da zona, dotando á parroquia de Celeiro dun rúa totalmente renovada.