Site icon Crónica3.com A Mariña

Deputación e Concellos asumirán a xestión pública das residencias e financiarán as prazas aos veciños ante a negativa da Xunta

Lugo, 16 de marzo de 2018A semana pasada a Xunta de Goberno acordaba a tramitación urxente dun protocolo de colaboración entre Deputación e Concellos para a posta en marcha dos centros de maiores. Na sesión deste venres, aprobouse este protocolo. Así o informou hoxe o Presidente, Darío Campos Conde, que explicou que “durante toda esta semana, estivemos traballando xunto aos Concellos, recollendo as súas propostas, na elaboración deste protocolo. Contan xa, polo tanto, cun borrador. Pero agora, evidentemente, lles remitiremos o acordado, que inclúe todas as súas suxestións para a súa inmediata sinatura”. Este enviarase aos 7 municipios que contan con residencias e centros día practicamente listos para a súa apertura: A Fonsagrada, Castroverde, Pol, Trabada, Pedrafita do Cebreiro, Navia de Suarna e tamén Ribadeo.

O protocolo define o seguinte:

1.- a xestión pública dos centros de maiores dende a Deputación e os Concellos. O organismo provincial e os municipios asumirán todas as prestacións que poidan cos medios dispoñibles. Levarán a cabo novas contratacións, atendendo ás limitacións legais impostas “polo Partido Popular dende o Goberno Central” a través da Lei de Presupostos de 2017, prorrogada no 2018, que fixa unha porcentaxe na contratación de novo persoal por parte das entidades locais. O protocolo tamén establece acudir a contratos administrativos de servizos a través dun sistema de xestión pública de non contar con medios dispoñibles ou superar a taxa de reposición da dita lei.

2.- as prazas dos centros de maiores serán, preferentemente, para veciños do Concello onde se sitúa a residencia e centro de día e logo para os de municipios limítrofes. Ademais, Deputación e Concellos colaborarán no financiamento das prazas para garantir o acceso ás mesmas aos veciños da provincia, que son os que teñen as pensións máis baixas de España. O protocolo recolle que o seu custo será acorde á capacidade económica dos usuarios, progresiva, redistributiva e homoxénea en toda a provincia.

A Xunta rexeitou colaborar coa rede pública de residencias e centros de día nos Concellos, que decidiu facer a Deputación ante a súa necesidade e, precisamente, ante a negativa da Xunta a construír centros para maiores na provincia de Lugo, cando precisamente é a administración galega a que ten as competencias directas na materia. A Xunta tamén nega a concertación de prazas públicas non centros públicos da Deputación. Primeiro, negouse a facelo porque aseguraba que a concertación tiña que ser a través do organismo provincial, rexistrándoo no RUEPPS, e non a través de SUPLUSA. Anos despois, cambiou de parecer, pasou a dicir que tiña que facerse mediante SUPLUSA. Hoxe, estando ambos os dous organismos inscritos no RUEPPS, séguese a negar, e agora dí que só concerta prazas a dependentes e os centros da Deputación son para non dependentes.

Selección de persoal en SUPLUSA
No 2015, SUPLUSA levou a cabo un proceso de selección de persoal para os centros de maiores da Deputación nos Concellos. Estes traballadores nunca foron contratados porque “o PP dende a Xunta non quixo conceder os Permisos de Inicio de Actividade (PIA) para poder abrir as residencias e centros de día, que os dá cando quere en base aos seus intereses partidistas”. Despois de anos de espera, nas pasadas semanas concedeu o de Castroverde e onte mesmo o de Trabada. Con anterioridade á concesión destes permisos e durante a espera de anos polos mesmos, que continúa, “o Partido Popular, neste caso dende o Goberno Central”, aprobou a Lei de Orzamentos de 2017, vixente na actualidade. Con esta normativa, fixou que organismos como SUPLUSA só poidan ter persoal temporal. Como é lóxico, nas residencias requírese de persoal fixo pois esta é unha prestación social que ten continuidade no tempo.

Exit mobile version