Site icon Crónica3.com A Mariña

Elena Candia gaba o labor “altruísta e desinteresado” de Protección Civil e critica que o Goberno da Deputación se centre “agora en sacar peito” dunhas axudas que xa debería “ter aprobadas dende hai anos”

Lugo, 14 de marzo de 2018.- A voceira do Grupo Provincial Popular na Deputación de Lugo, Elena Candia, acompañada de deputados provinciais, mantivo esta tarde unha xuntanza con representantes das agrupacións de Protección Civil da provincia, na que tratou cos voluntarios destas formacións a nova liña de axudas da Deputación á que se poden acoller os concellos nos que existen estas agrupacións que de “xeito altruísta e desinteresado traballan por e para os cidadáns”. Candia defendeu a necesidade deste tipo de axudas, enmarcadas dentro do Plan Único, que o Grupo Provincial Popular impulsou na Deputación de Lugo, ao tempo que censurou que “fosen moitos os anos nos que o Goberno da Deputación se esqueceu da súa competencia en materia de emerxencias e desatendeu as necesidades deste dispositivo, que sempre tivo o apoio do Goberno galego de Núñez Feijóo”. “Sacan agora peito dunha axudas que deberían ter concedidas dende hai anos”, precisa Candia ao tempo que sostén que se trata dunha colaboración que se lle debe aos alcaldes e aos concellos e que a Deputación desoíu ata agora.

Pese a esta circunstancia e ao feito de que o Goberno socialista na Deputación non asumise as súas funcións en materia de emerxencias; Elena Candia saudou que a administración provincial finalmente se sume a colaborar coas agrupacións de Protección Civil, tal e como fai o executivo galego. Neste eido, a voceira dos populares valora que se teñan en conta as propostas da oposición motivadas por estar ante un Goberno en minoría que debe atender ás peticións do resto dos Grupos. Candia lembra que foi o PP quen impulsou a aprobación do Plan Único, que está a poñer fin a unha clara xestión partidista na Deputación e á desatención de competencias básicas, e dentro do que se atopa esta liña de axudas dirixidas ás agrupacións de Protección Civil. “Este é o paso a seguir, que a Deputación asuma as súas competencias; é a responsabilidade que guía ao Grupo Popular no labor que desempeñamos na Deputación de Lugo”, precisou Candia.

Deste xeito, a popular animou aos voluntarios das agrupacións de Protección Civil presentes na xuntanza a que, se poñan en contacto cos rexedores dos seus municipios, para que soliciten estas axudas, por un importe de 4.000 euros por localidade, ás que se poden acoller os 42 concellos da provincia nos que existen estes dispositivos, que integran máis de 2.000 voluntarios.

Compromiso do Goberno galego
Elena Candia tamén reprobou as mentiras do Goberno do PSOE na Deputación en relación a implicación do Goberno galego coas agrupacións de Protección Civil xa que “é a Xunta de Galicia a que garantiu durante estes anos o funcionamento destas agrupacións de voluntarios, de cuxa existencia a Deputación non se deu conta ata agora pese a ter competencias nesta área”.

A popular puxo de manifesto que os datos son claros e confirman que a Xunta de Galicia destinou nos últimos tres anos preto de dous millóns de euros para apoiar as 42 agrupacións de voluntarios de protección civil da provincia de Lugo; unha contía económica que entre 2015 e 2017 dotou a estes dispositivos de axudas para funcionamento, equipamento necesario así como para cursos de formación. En concreto, este importe permitiu o financiamento de 178 equipamentos, entre vehículos e material de emerxencia.

“Non existe ningún tipo de recorte da Xunta de Galicia nos gastos de funcionamento nin de equipamento, ao contrario, subiuse a dotación económica, coñecedores das necesidades dos Concellos e da desatención ata a actualidade da Deputación de Lugo”, precisa Candia, quen engade que a única redución considerable nas axudas a estas agrupacións de voluntarios se produciu na convocatoria do ano 2009, asinada polo Goberno bipartito na Xunta de Galicia.

Exit mobile version