Site icon Crónica3.com A Mariña

En marzo estanse a desenvolver nos centros educativos de Ribadeo varios obradoiros para traballar a igualdade. Están organizados polo CIM e polo Concello. O vindeiro será este mércores, día 21

Ribadeo, 19 de marzo de 2018. Ao longo deste mes de marzo desenvolvéronse varios obradoiros nos centros educativos de Ribadeo co obxectivo de traballar a igualdade.
Desde a Concellaría de Igualdade elabóranse unha serie de actividades que se lles propoñen ao longo do curso académico aos centros educativos: “neste mes de marzo concentráronse varias actividades. O pasado 2 de marzo desenvolveuse un obradoiro de contos con perspectiva de xénero Contos con senso, dirixido ao alumnado do ciclo de educación infantil do Centro Integrado Porta da Auga. A finalidade desta actividade foi facilitar un espazo para a abordaxe da literatura infantil e da tradición oral dende unha perspectiva feminista, adestrando as competencias comunicativas e facilitando a creación e a interpretación de historias evitando a discriminación de xénero e promovendo olladas diversas e inclusivas nos contidos e na forma”.
O pasado 9 de marzo o mesmo alumnado que participou do obradoiro Contos con senso ocupouse de desenvolver unha actividade para traballar a igualdade co alumnado de Infantil do colexio público Gregorio Sanz e do colexio Sagrado Corazón de Xesús. Traballaron con elxs o conto A feliz catástrofe, de Adela Turín.
Xa o 12 de marzo o alumnado de 5º e 6º de Primaria do colexio Sagrado Corazón de Xesús e do colexio público Gregorio Sanz respectivamente, recibiron un conta contos ilustrado sobre a artista mariñá Maruxa Mallo. A editorial Polo Correo do Vento dentro da súa colección Mulleres Galegas ten un número dedicado a Maruxa Mallo.
E este mércores, 21 de marzo, terán lugar uns obradoiros no IES de Ribadeo sobre a Violencia de xénero e o amor romántico a través da música, impartidos pola musicóloga Laura Viñuela. “Estes obradoiros iniciáronse no mes de decembro para o alumnado de 2º ,3º e 4 º da ESO. E ao longo dos próximos meses está prevista a presentación da actualización do Protocolo Local de prevención, atención e detección das mulleres vítimas de violencia de xénero e de outro tipo de actividades”, explican desde a Concellaría de Igualdade de Ribadeo.

Exit mobile version