Site icon Crónica3.com A Mariña

Este venres terá lugar o obradoiro “contos con senso”. Está dirixido ao alumnado do ciclo de educación infantil do CIFP Porta da Auga. Organizan a actividade o CIM e a Asociación universitaria de ciencias da educación

Ribadeo, 1 de marzo de 2018. Mañá, venres, desenvolverase un obradoiro de contos con perspectiva de xénero. A actividade denomínase Contos con senso e está dirixida ao alumnado do ciclo de educación infantil do Centro Integrado Porta da Auga.
Segundo explican desde o CIM “a finalidade deste curso é facilitar un espazo para a abordaxe da literatura infantil e da tradición oral dende unha perspectiva feminista, onde cuestionar os modelos hexemónicos nos que se sosteñen as relacións de poder e as desigualdades sociais. Así como adestrar as competencias comunicativas e facilitar a creación e a interpretación de historias evitando a discriminación de xénero e promovendo olladas diversas e inclusivas nos contidos e na forma”.
E engaden: “a partir de dinámicas participativas e expresivas traballarase a consciencia corporal e o xogo vocal, para que descubran as posibilidades expresivas do corpo e podan adquirir novas ferramentas para contar.Utilizarase unha metodoloxía dinámica que parta dos coñecementos e experiencias previas das participantes para a análise e a abordaxe dos temas de xeito individual e colectivo”.
Será un obradoiro intensivo, que se desenvolverá ao longo de toda a mañá desde ás 10.30 ata as 15.00 horas no propio centro.
Este obradoiro está organizando a través do Centro de Información ás Mulleres en colaboración coa Asociación Universitaria de Ciencias da Educación (AUCE), que será a entidade encargada de impartilo.
Desde o CIM de Ribadeo sinalan que “nos acompañarán desta asociación e serán as dinamizadoras do obradoiro, Beatriz Pérez Fernández, que é licenciada en Psicoloxía e titulada no mestrado de Educación, Xénero e Igualdade pola Universidade de Santiago de Compostela, formadora e coordinadora de proxectos socio educativos, é activista feminista; e tamén estará con nós Atenea Fernández García, licenciada en Arte Dramática, especialidade de Interpretación Textual, pola ESAD de Galicia, actriz, narradora oral e co-fundadora da compañía Xarope Tulú (Estrafalaria, De bruídos e miañares, A falta de pan, bos son os contos).

Exit mobile version