Site icon Crónica3.com A Mariña

Fernán Vello critica o novo retraso na aprobación do prototipo antinéboa para a A-8 e pide a Fomento que se tome en serio os peches da autovía

Madrid, 23 de marzo 2018. O portavoz de En Marea no Congreso, Miguel Anxo Fernán Vello, presentou unha batería de preguntas dirixidas a Fomento perante o anuncio no BOE da licitación das probas cos prototipos antinéboa e que deixan en evidencia un novo retraso na adopción dunha solución aos constantes peches da A-8 no tramo situado entre Mondoñedo e A Xesta.
“A publicación da licitación no BOE deixa ás claras que este ano 2018 será outro ano perdido na toma de medidas para rematar con este problema e que poidamos contar cunha autovía nova operativa. No mellor dos casos, e se desta volta o Goberno cumpre de verdade, non se farían as probas até o ano vindeiro, 2019, co cal non estaría operativa a solución até o 2020 sendo moi optimistas. Mais, á luz dos feitos e dada a andaina que leva este tema, continuaremos en espera”, critica Fernán Vello.
O voceiro de En Marea lembra que desde que se iniciou a lexislatura comprometémonos a facer un seguimento deste problema cunha infraestrutura costosa e nova que debido ás densas néboas do Alto do Fiouco, a metade do tempo está pechada e o tráfico desviado pola antiga N-634. O problema presentouse nada máis inaugurala en 2014, ese mesmo verán produciuse un terríbel accidente en cadea. Optouse por un trazado que obviou e non tivo en conta que esta zona se caracteriza por densas néboas. Desde entón, Fomento demora ano tras ano a solución técnica para que na Mariña se conte cunha autovía operativa”.
“Non cre Fomento que esta lentitude empeza xa a ser desesperante?”
“Se a este deputado prodúcelle cansanzo ver como pasan os meses e os anos sen que se produzan avances, imaxinemos o fastío dos habitantes de A Mariña que soportan vellas estradas estatais en deplorábel estado. A N-634 clama por actuacións de mellora. Así que nin autovía nova de alta capacidade, nin estradas melloradas para paliar a situación”, denuncia Fernán Vello.
O portavoz de En Marea pide ao Ministerio de Fomento garantías e un compromiso claro de que non vai haber máis demoras. “Pode concretar con exactitude o calendario? Cando poderán ter os habitantes de A Mariña unha autovía plenamente operativa? É consciente o Ministerio que no periodo veraniego cando se multiplica o tráfico debido ao turismo é cando máis se precisan infraestruturas en estado óptimo? Non cre que o tema resulta xa desesperante?”

Exit mobile version