Site icon Crónica3.com A Mariña

Galicia aposta pola tecnoloxía como porta de entrada ao turismo de calidade, co primeiro centro demostrador virtual da comunidade na Mariña

Foz (Lugo), 19 de marzo de 2018.- O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe a aposta da Comunidade pola tecnoloxía como porta de entrada ao turismo de calidade, co primeiro centro demostrador virtual de Galicia na Mariña. Un proxecto, A Mariña Virtual, que permitirá ao visitante coñecer a comarca desde o aire, viaxar polo tempo interactuando con personaxes históricos e compartir as experiencias con outros viaxeiros a través das redes sociais.

“Unha experiencia única, máis didáctica e sensorial, a través de tecnoloxías avanzadas de realidade aumentada, montaxes 3D, videogravación inmersa e realidade virtual”, explicou, incidindo en que o fin desta iniciativa é incorporar a Mariña á “rede mundial do turismo”.

Durante unha visita ás instalacións da oficina virtual de Turismo da Mariña lucense, Feijóo aseverou que esta iniciativa está aliñada coa Estratexia do turismo de Galicia 2020. Non en van, entre os obxectivos desta folla de ruta atópanse a mellora do acceso á internet en puntos e establecementos turísticos; a comercialización e xestión mediante ferramentas TIC; o aproveitamento da internet para o servizo ao visitante; a mellora do coñecemento do perfil deste a través do Big data; e o impulso dos procesos de innovación sectorial.

O responsable do Executivo autonómico afirmou que con esta nova iniciativa ponse de manifesto o compromiso cos 16 concellos da Mariña e a importancia de ter proxectos únicos para os 100.000 habitantes que a conforman.

Ao longo da súa intervención, resaltou que a estadía media na comarca creceu o 17% o pasado ano, ao igual que os niveis de ocupación, que aumentaron 2,2 puntos porcentuais. “Imos seguir traballando pola Mariña lucense”, aseverou, referíndose á ampliación do Hospital da Costa, cun investimento de 12 millóns de euros que permitirán máis servizos e máis tecnoloxía; ao acceso ao porto de Burela, ou á necesidade de pechar un trazado que desconxestione o centro de Viveiro durante a época estival”.

Exit mobile version