Site icon Crónica3.com A Mariña

Mondoñedo retoma a vindeira fin de semana a celebración da XXIX Concentración Mototurística Ruta N-634, coa que colabora o Concello

Mondoñedo, 16 de marzo de 2018.- Mondoñedo retoma a vindeira fin de semana (sábado 24 e domingo 25) a celebración da XXIX Concentración Mototurística Ruta N-634 ‘A Invernal de Galicia’, coa que colabora o Concello, e que anualmente organiza o Motoclub Ruta N-634 da cidade.

A celebración desta concentración estaba prevista para o pasado 10 e 11 de marzo pero a organización veuse na obriga de suspender a programación de actos debido ás condicións meteorolóxicas que se deron durante esa fin de semana.

A implicación que o Motoclub Ruta N-634 deposita na organización desta concentración permite que o vindeiro fin de semana se retome a celebración dunha concentración mototurística que chega a súa 29 edición e que converte a Mondoñedo na primeira cidade, xunto a Sanxenxo, na que se organizou este tipo de eventos.
O presidente do Motoclub Ruta N-634, Miguel Arias, lamenta os imprevistos que se deron pero “seguimos co ánimo necesario e coa vontade precisa para que neste 2018 se leve a cabo con éxito unha iniciativa que ten as súas orixes no ano 1988 cando se constituíu en Mondoñedo un grupo de moteiros, dos que partiu a iniciativa de organizar unha concentración mototurística”.

A alcaldesa de Mondoñedo, Elena Candia, quixo agradecer de novo o traballo dos 40 socios que integran o Motoclub Ruta N-634 de Mondoñedo, que preside Miguel Arias, e que cada ano organiza unha cita que atrae ata á cidade a centos de persoas que senten paixón polo mundo das motos. Tanto é así que a edición celebrada o pasado ano congregou en Mondoñedo ata 400 inscritos. Así, Miguel Arias anima á xente a que participe da concentración de motos durante a vindeira fin de semana.

Programación
As inscricións aos participantes ábrense dende as 12:00 horas do sábado 24 ata as 20:00 horas do mesmo día na Praza da Catedral. O programa de actividades inclúe para o sábado ás 17:00 horas unha exhibición acrobática por parte dos moteiros Jaque Stunt e Nelson Pina na Avenida de Bos Aires.

Xa as 19:00 horas, na Praza da Catedral, será a entrega de premios do Concurso de Debuxo, que organiza o Motoclub e no que participa o alumnado do CEIP Álvaro Cunqueiro Mora. Os gañadores dos premios desta anualidade son Adriana Fernández Prado e Luís Gacio González, mentres que o accésit fallouse a favor de Shaila Pardo Rafael e Xulia Vigo Vázquez.

Ás oito da tarde dará comezo o desfile de participantes na concentración polas rúas de Mondoñedo, un acto que se organiza en memoria dos compañeiros falecidos durante o último ano.

Tras a cea prevista para as 21:15 horas no polideportivo municipal Viñas da Veiga; na Praza da Catedral (ás 23:30 horas) dará comezo a festa moteira, amenizada por Dreamers. Durante o descanso da actuación entregaranse e sortearanse varios premios e agasallos entre os participantes, como poden ser chaquetas, guantes ou outros elementos vencellados ao mundo das motos.

Por último, a xornada do domingo 25 inclúe unha ruta turística pola costa da Mariña. A concentración rematará cunha comida despedida a partir das 14:00 horas.

Agradecementos
O presidente do Motoclub mindoniense agradece novamente a colaboración de todas as institucións e organizacións implicadas no desenvolvemento da concentración, dende o Concello de Mondoñedo e a Deputación, ata Protección Civil e a Policía Local, así como a todos os comerciantes e negocios que colaboran coa iniciativa. Dun xeito especial, Miguel Arias, asegurou que “temos unha axuda moi boa por parte do Concello e moita sorte coa súa boa resposta tanto dende o punto de vista administrativo, como material e de infraestruturas”.

Exit mobile version