Site icon Crónica3.com A Mariña

No Concello de Burela preséntase este xoves o libro “En Burela amamos a auga”. Son 1.000 exemplares que se distribuirán polo comercio, a biblioteca e os centros de ensino

Burela, 22 de marzo de 2018. O salón de plenos do Concello acollerá esta tarde a presentación do libro En Burela amamos a auga do que se editaron 1.000 exemplares que se repartirán entre o comercio, a biblioteca e os centros de ensino, para concienciar á poboación da necesidade de consumir a auga de xeito responsable. O libro de Llerena Perozo Porteiro, que contén ilustracións de Fran Muñiz, foi cofinanciado polo Concello de Burela e pola empresa Espina y Delfín.
O alcalde, Alfredo Llano, manifestou que “hoxe é o Día Mundial da Auga, polo tanto Burela quere unirse á celebración deste evento porque realmente consideramos que a auga é algo moi importante, agora xa e no futuro penso que vai ser algo que debemos respectar, ter en conta e desde logo saber xestionar porque pode ser un problema senón o facemos así. En Burela presentamos ás cinco e media de hoxe, un libro que se titula En Burela amamos a auga”.
O rexedor explicou que “é un libro que está pensado para a familia para que todo o mundo poida lelo, desde o máis pequeno ao máis maior, porque loxicamente a xestión, o tratamento, a forma de conseguir auga potable e todo iso, debemos coñecelo todos e desde logo saber como manexala para que teñamos garantida a presenza tanto do seu caudal, a súa cantidade, como da súa potabilidade”.
Llano sinalou que “aparecen unha serie de recomendacións de cómo aforrar auga, tratala, non contaminala, etc…, e pensamos que é algo bo para concretar compromisos co medio ambiente. Hai que ter en conta que isto está cambiando dunha forma rápida, e tanto no seu caudal como na súa pureza hai que procurar que sexa sempre potable da mellor maneira posible. O gasto, a forma de utilizala, de onde procede, como se trata e como se recupera, está todo posto neste libro”.
O alcalde aproveitou para invitar a todos os veciños e veciñas de Burela “que se queren pasar ás cinco e media da tarde hoxe polo salón de plenos, imos presentar esa obra e a toda a xente que veña darémoslle un exemplar para que o poida levar á súa casa”.

Exit mobile version