Site icon Crónica3.com A Mariña

No Monte Castelo serán plantadas 300 árbores autóctonas nunha actuación conxunta entre o Concello e asociación de montes. Alfredo Llano quere que esa zona sexa un atractivo para a veciñanza de Burela e para os visitantes

Burela, 22 de marzo de 2018. O Concello xunto á asociación de montes, vai plantar no Monte Castelo 300 árbores autóctonas, que se suman ás 200 do pasado ano. O alcalde, Alfredo Llano, subliña que o obxectivo é converter esa zona nun reclamo tanto para os veciños e veciñas de Burela como para os visitantes que queiran achegarse ata alí.
O rexedor declarou que “esta actuación está relacionada co que pensamos que debe ser Burela, procurando sempre que sexa un exemplo para o coidado do medio ambiente, imos poñer na área recreativa do Monte Castelo outras 300 árbores autóctonas frondosas”.
Alfredo Llano subliñou que “o facemos conxuntamente coa asociación de montes de Burela, coa que estamos colaborando. Xa se comezara o ano pasado con 200 árbores en diferentes sitios. Este ano vanse plantar 300 árbores en principio, e é posible que vaian máis pouco a pouco”.
O alcalde burelés explicou que “se vai preparar unha zona na área recreativa que vai completar a que xa hai agora, que penso que vai quedar moi ben, e vai ser un atractivo de futuro seguro a subida a Monte Castelo para observar a arboreda que se está plantando, e observar as vistas extraordinarias que se aprecian desde aquel marco. Hoxe por exemplo foi un día no que estivemos alí para ver onde se van plantar, e é unha marabilla poder coidar o Monte Castelo para que sexa un atractivo tanto para a xente que vivimos aquí como para a que proceda de fora”.
Para Alfredo Llano “é unha boa iniciativa que tivo a asociación de montes de Burela, e nosoutros imos apoiala dentro das nosas posibilidades para conseguir entre todos conformar un área recreativa extraordinaria, útil e bonita para poder disfrutala”.

Exit mobile version