Site icon Crónica3.com A Mariña

O Alcalde cualifica de desprezo á Mariña a nova Lei de saúde, que suprime a área sanitaria propia da comarca. Alfredo Llano asistiu ao debate celebrado este martes no Parlamento galego

Burela, 20 de marzo de 2018. O alcalde, Alfredo Llano, desprazouse esta mañá a Santiago xunto os alcaldes mariñáns contrarios á supresión da área sanitaria da Mariña, para seguir o pleno que se celebraba no Parlamento e no que debatía a reforma de lei de saúde. O rexedor amosouse decepcionado, dixo que a devandita supresión será negativa para a Mariña, e acusou ao goberno galego de desprezar a esta comarca coa adopción de medidas coma esta.

Alfredo Llano declarou que “estivemos hoxe no Parlamento Galego en representación dos Concellos da Mariña que estamos de acordo con manter a área sanitaria propia da Mariña, aquí non houbo outros alcaldes que non foran os que estamos de acordo con este tema. Levamos a decepción que xa sabíamos que ía ocorrer. O PP pasa o rodillo naquelas decisións que vai tomando, e aquí fixo exactamente o propio. A xustificación que deron no Parlamento, como están dando en calquera momento, para nada nos convence. Veñen substituír unha lei que viña funcionando, ou debera funcionar perfectamente si se aplicara, que era do ano 2008. Agora fíxose este anteproxecto para empezar a aplicala a partires de agora onde o máis preocupante para nosoutros é a eliminación da área sanitaria propia da Mariña, que se substitúese por hospitais de distrito”.

O alcalde de Burela e tamén presidente da Mancomunidade de Municipios da Mariña engadiu: “din que isto vai ser moi beneficioso, pero se realmente quixeran facer algo que convencera aos veciños da Mariña na asistencia sanitaria dos hospitais e dos centros de primaria, non facía falta facer unha lei nova. Eu creo que é algo negativo para A Mariña, vai condicionar moito a prestación sanitaria, perde a autonomía que tíñamos no hospital, onde había autonomía financieira, de organización e sanitaria, e funcionaba como un hospital xeral. Agora xa falan dunha plantilla itinerante, uns virán e outros irán. Xa se está empezando a notar que hai certos profesionais que están no Hospital da Costa, que están pedindo o traslado a outro lado porque aquí non van ter o suficiente peso para exercer dunha forma total a súa profesión, e iso é algo preocupante”.

O rexedor dixo: “xa veremos o que imos facer cara ao futuro, pero considero que hai que ir traballando e si se chegan a coller responsabilidades na Xunta de Galicia tentaremos volver recuperar o que corresponde porque o que se logrou coa aparición deste anteproxecto foi crear un estado desigual, cidadáns de primeira e de segunda, uns que están preto da área sanitaria e os que non. Hai probas que hai que ir a Lugo facelas, cando si se fixeran ben as cousas non tíñamos que desprazarnos”.

Para Alfredo Llano “hai que ter en conta que A Mariña somos 80.000 habitantes e xa significa un área sanitaria pola cantidade de habitantes e a casuística que reclama unha boa atención sanitaria. Si se pretende asentar poboación e crear estímulos para que veña xente a visitarnos deberíamos polo menos manter os servizos que tíñamos. Din que se vai incrementar a participación nos consellos de área e desde o ano 2009 ata o 2018 non convocaron ningún consello de área, e polo tanto é unha mentira que se vaian potenciar a partires de agora”.

O alcalde de Burela sinalou como conclusión que “se despreciou o que é A Mariña como comarca no ámbito sanitario, dado que non se conserva a potencialidade que víñamos tendo, é unha perda de servizos e crease unha desigualdade na atención sanitaria”.

Exit mobile version