Site icon Crónica3.com A Mariña

O Alcalde e a concelleira de asuntos sociais asistiron hoxe en Santiago á asemblea anual do consorcio de benestar. Llano indicou que solicitaron participar na xestión das escolas infantís

Burela, 23 de marzo de 2018. O alcalde, Alfredo Llano, asistiu hoxe en Santiago á asemblea anual do Consorcio de Benestar, acudiu xunto á concelleira de Asuntos Sociais, Patricia Otero. Llano indicou que foron informados dos orzamentos para este ano e solicitaron participar na xestión das escolas infantís.
O rexedor burelés declarou que “hoxe aprobáronse os orzamentos que suman 76´5 millóns de euros, e explicáronnos a través dun informe en qué se van gastar eses cartos. Un dos temas polos que se preguntou é pola comisión do Consorcio e os Concellos para acordar os investimentos que se teñen feito e o pago que hai que realizar da débeda anterior. Agora xa sabemos que corresponde pagar a cada concello 900 euros por alumno e ano”.
Alfredo Llano lembrou que “antes eran 1.500 euros, e había que facer fronte a uns gastos de mantemento e doutro tipo de cousas que facían os Concellos. Agora están máis especificadas as responsabilidades en gasto que teñen que facer cada unha das partes, polo tanto como no Concello de Burela se ten feito investimento na escola infantil máis antiga, e tamén nesta nova fixemos un investimento grandísimo, cando xa se sabe que deberá ser unha responsabilidade directa do propio Consorcio. O Concello de Burela aportou moito a esta nova escola infantil”.
O rexedor subliñou que “agora temos que valoralo e, cando chegue o momento, render contas e facer un balance a ver canto nos toca pagar”.
O alcalde engadiu que “solicitamos outra vez, foi case unánime de todos os alcaldes que estábamos presentes, que nas escolas infantís, dado que nosoutros estamos pagando e bastante porque é un terzo de todo o gasto que hai, máis levar o mantemento, o gasto de limpeza, luz e calefacción, tamén queremos formar parte da xestión que se faga nas escolas infantís, nas residencias ou onde corresponda”.
Alfredo Llano dixo que “a nosoutros que nos corresponden as escolas infantís queremos que haxa transparencia, que saibamos moi ben como están as listas, por exemplo dos traballadores que solicitan traballar nas escolas infantís, e mirar outros temas tamén de xestión nos que agora mesmo non estamos participando e sen embargo si que estamos a pagar, e ben, ao ter unha escola infantil no concello”.

Exit mobile version