Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG de Burela preguntará polos cortes continuados de alumeado público nalgunhas rúas

Burela, 19 de Marzo de 2018. Dende o pasado sábado dúas rúas de Burela, Marqués de Sargadelos e Ramón Farré, están a sufrir cortes no alumeado público, na totalidade dos puntos de luz das mesmas. Trátase dunha situación de inseguridade para a veciñanza, agudizada polo feito de que no entorno se atopan diversos locais de hostalería nos que se congrega unha boa cantidade de público nas fins de semana. “Queremos saber cando tivo coñecemento da situación o goberno local, as medidas que se tomaron ó respecto e a urxencia das mesmas, posto que se trata de lugares dun alto tránsito, con bastantes portais e unha morea de prazas de apacadoiro” indicou Mario Pillado, voceiro do BNG en Burela. “En caso de que o equipo de goberno tivese coñecemento da problémática non entendemos como non se actuou pois o apagón durou cando menos dous días” continuou Pillado. Cabe destacar que durante este fin de semana unha parella da policía local estaba de garda e puido comprobar a gravidade da situación.
Por último, dende a organización frentista, recordan do custo do servizo de alumeado público para o concello, que non semella reflectirse en calidade do mesmo. “Nos datos da liquidación do orzamento de 2017 comprobamos un aumento da partida para o alumeado público duns 100.000 €, polo que nos parece impresentable que se den este tipo de carencias no servizo” finalizou Mario Pillado.

Exit mobile version