Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG de Foz homenaxea a Xoán Carlos Basanta o sábado 10 de marzo

Foz 5-3-18. A asemblea local do Bloque Nacionalista Galego organiza o sábado 10 de marzo ás 12:00 na Praza de Galiza de Foz un acto de lembranza a Xoán Carlos González Basanta, coincidindo co primeiro cabodano do seu pasamento, acontecido o 13 de marzo de 2017. O programa de actos consistirá na colocación dunha placa en recordo do noso compañeiro así como na plantación dun carballo como xeito de perpetuar a súa memoria entre todos os focegos. A xornada comezará cunha actuación de música tradicional a cargo de músicos focegos, continuará coa intervención da voceira municipal do BNG Lorena Seivane e do seu responsábel local Francisco Fanego e rematará co canto do himno galego.

Segundo sinalou o responsábel local do BNG Francisco Fanego “a achega de Basanta á vida política, cultural e social de Foz foi decisiva. Queremos polo tanto lembrar ao dinamizador cultural, ao activista ecoloxista que tanto loitou pola defensa da nosa ría, ao defensor dos servizos públicos, comezando pola súa labor en prol dunha sanidade pública, ao loitador sindical entregado á defensa dos máis desfavorecidos, ao concelleiro que durante tantos anos promoveu a defensa na corporación do interese xeral fronte ao particular, pero tamén ao amigo, ao veciño e ao compañeiro. Todos cantos coñecemos a Basanta e tivemos oportunidade de tratalo e de traballar con el, non esqueceremos nunca as súas calidades humanas como persoa de ben comprometido co seu pobo e a súas xentes.”

O Bloque Nacionalista Galego quere por último convidar a toda a veciñanza a participar neste acto de lembranza a Xoán Carlos Basanta. Francisco Fanego quixo destacar que “se trata dun acto humilde e sinxelo, como lle gustaban a el as cousas, feito polos veciños e amigos con que compartiu loitas e proxectos de futuro, pero sentido por aqueles a quen a súa morte os deixou orfos pero que preservan na súa memoria, exemplo e entrega, comprometidos, como gustaba de afirmar Basanta, na defensa dun Foz mellor”.

Exit mobile version